|
María Mariño Carou |
||
|
O próximo 8 de xuño cúmprese o centenario do nacemento desta poeta elixida para ser conmemorada o Día das Letras Galegas. Imos tentar saber máis do tempo no que lle tocou vivir. Dividimos a súa biografía en tres etapas:
1.-Noia, os primeiros 20 ano de vida.
Naceu, como dixemos, o 8 de xuño de 1907, hai xa cen anos, na Rúa Cega, do casco histórico da vila de Noia. Naceu nunha familia humilde, o pai era zapateiro e a nai costureira. Cando naceu, súa irmá maior, Concha, tiña 9 anos, e seus irmáns 6 e 5. Aínda lle nacería outra irmá un ano despois dela, Asunción. Foi a cuarta de cinco irmáns.
Imos situar Noia nun mapa actual. Que mais sabemos de Noia? Noia é unha vila situada ao remate da ruta xacobea.
Como era a vila de Noia a comezos de século? Tiña uns 3000 habitantes, e era o núcleo da comarca. Convivía coa pesca, o traballo do campo e o labor dos artesáns. Tiña unha importante feira á que baixaban desde as aldeas o día de mercado. Durante infancia de María Mariño ocorreron dous episodios tráxicos: En 1910, cando tiña só 3 anos, houbo unha protesta popular conta a subida de impostos que remataría en enfrontamentos coa Garda Civil; neles morreron un home e unha muller. Sería precedente doutra revolta aínda máis tráxica, a de Nebra nun concello próximo, o do Porto do Son. En toda Galicia o movemento agrario collía cada vez máis forza, era imparable.
En 1918 chegou a chamada “gripe española” que afectou a todo o continente europeo. Nos últimos tres meses do ano morreron cerca de 300 veciños da vila da nosa autora. Ela tiña só 11 anos.
En toda Galicia había unha forte crise económica, tanto para o sector pesqueiro, como para o agrícola. As dificultades polas que pasaba o país tamén tiveron repercusións na casa de María Mariño: seus irmáns comezaron a traballar e o mesmo tiveron que facer as rapazas. Pouco tempo foron á escola. A escola non era para pobres, e menos para nenas pobres.
María traballaba de costureira, coma a nai e as irmás. Cosían polas casas, un costume que aínda perdurou até hai uns 30 anos, ou menos nalgúns lugares. Era coñecida como María, a Fiscala. As amigas de xuventude falan dela como dunha “ moza solitaria, con desexos de superarse, moi distinta de nós, que tiña o convencemento de que valía para ser algo importante”.
A vila de Noia aparece en poemas como “Miña Nai” “Noia”
http://www.culturagalega.org/album/detalle.php?id=7 http://www.galespa.com.ar/galiciaespallada_letrasgalegas2007_maria_marino.htm
|