María Mariño Carou

 
 

Como era María Mariño?

Ela mesma nolo conta no poema

“Inda vou na mesma neniña” (PnT)

 

 

2.-Vinte anos dun lugar a outro: Escarabote, Berango, Escarabote de novo, Arzúa, Elantxobe, e San Finx.  

 

            Sabemos que no ano 1926 ou 1927, cando seu pai vendeu a casa de Noia, a familia de María Cariño trasladouse ao concello de Boiro, máis concretamente a Escarabote, na Ría de Arousa. Non marcha a familia completa xa que súa irmá maior, Concha, casara no 1919 cun mariñeiro vasco e establecéranse en Euskadi, en Berango.

            Os motivos polos que deixan Noia son as dificultades económicas que sofren. Buscan o amparo dunha tía materna da escritora, que entrara a traballar de criada e cociñeira no Pazo das Torres de Goiáns, en Escarabote, e que alí casara co mordomo da mansión, e home de confianza do dono; acabaron por recibir o pazo en herdade, xa que os propietarios non tiveran fillos.

            Buscando o amparo dos novos propietarios, o pai da poeta abrirá unha pequena zapatería nunha casa de Escarabote, que tiña o mar de fondo.

María  Mariño, sempre que ía ao pazo a visitar a seus tíos e curmáns, aproveitaba para ler nos numerosos libros que había na súa biblioteca. Un curmán dela conta que “pasaba horas lendo os libros que se gardaban na biblioteca; aínda que era unha rapaza moi inquieta, recluíase entre as súas paredes e, mentres os demais participabamos noutras tarefas ou xogos polo eido, ela debullaba as páxinas dos numerosos volumes que quedaran nas torres de Goiáns”.

 

            E estando en Escarabote produciuse o levantamento militar do xeneral Franco. Nos primeiros días os fascistas asasinaron a tres veciños da escritora,un deles o mestre do Pósito. Moitos esquerdistas foron detidos polas autoridades militares golpistas, e outros moitos tiveron que fuxir aos montes para salvar as súas vidas; os principais representantes das organizacións  políticas e sindicais  da zona fuxiron cara Portugal.

            Segundo unha sobriña da autora, filla de Asunción, María Mariño marchou do pobo porque cando comezou a guerra civil viviu cousas que a asustaron moito, e intentou fuxir para un lugar máis seguro: coa súa irmá Concha, a Berango.

 

            As súas sobriñas contan que estivo en Berango unha tempada grande, e que se dedicaba a coser polas casas. Pero a “tranquilidade” durou pouco.A partir da primavera de 1937, o exército franquista comezou unha terrible ofensiva contra Euskadi. No propio Berango viviu a loita cruenta para tomar Bilbao e apoderarse das minas e fábricas de siderurxia. As Frechas Negras italianas participaron nela.

Estaba alá cando  a Lexión Cóndor hitleriana bombardeou e destruíu Guernika.

Sábese que escribiu sobre esta terrible experiencia da guerra nun libro titulado Los años pobres. Memorias de guerra y posguerra, que non se publicou.

 

            Voltou antes de que rematase a guerra á casa dos pais en Escarabote. Segundo o testemuño da sobriña abriu un parvulario a onde acudían os máis cativos para aprender as primeiras letras. É daquela cando coñece ao compostelán Roberto Pose Carballido, mestre da escola de nenos, que fora destinado para Escarabote no ano 38.

Despois dun curto noivado, casaron o 31 de maio de 1939. Foi aquí cando María Mariño comezou a mentir sobre a súa idade. Por que? Por convencionalismos da época. Supoñíase que a muller tiña que ser más nova que o seu marido, e en todo caso que tiña que ser nova. Ela tiña case 32 anos e Roberto, 24.

Este dato, como outros moitos estivo sen investigar seriamente ata hai moi pouco. Aínda hai aspectos da biografía da autora rodeados de misterio.

            Durante catro anos permaneceron en Escarabote, ata que en 1943 Roberto Pose foi destinado a Arzúa. Alí permanecen durante dous cursos, e as testemuñas contan que ela tamén facía de mestra, e que era unha muller moi introvertida e calmosa. De alí tiveron que marchar a Euskadi, a Elantxobe, unha vila mariñeira, onde Roberto Pose estivo destinado durante un curso escolar. Cando regresan a Galicia, no verán de 1946, ela vén embarazada e diríxense ás Minas de San Finx, onde a nai de María Mariño vivía na casa dun dos fillos desde que quedara viúva.

As Minas de San Finx, no concello de Lousame, explotaban o volframio que tivera un gran valor estratéxico durante a II Guerra Mundial, rematada había pouco, no 45.

 

Este lugar vai quedar gravado na memoria de María Mariño: o seu fillo morre ao mes de nacer por culpa dun biberón en mal estado. A saúde da poeta comezou a resentirse, e nunca se recuperaría daquela morte.

 

Pouco tempo quedan alí. O novo destino do mestre era o Courel. Aquí comeza unha nova etapa na que atopamos á María Mariño escritora.