Bloque1


Principal Arriba

 

TÍTERES

 

 

         O venres 21 de setembro, entre as 12:45h e as 1:20 aproximadamente, celebrouse unha representación de títeres no C.P.I de Seoane.

            A dita representación “organizada” por Bela como a nosa figura, tivo a colaboración de diversas “entidades”. Actuaron de espectadores os alumnos de infantil, primaria e secundaria. Estaba composto por dous membros: un actuaba e outro, dalgunha forma, axudáballe. Viñan moi ben preparados: traían lúas, soles, serpes... de xoguete, por suposto, e debuxados sobre un obxecto semellante a  un coxín. Este material íano colgando nun tipo de “percheiro” con varios colgadoiros e sobre un fondo que semellaba o ceo.

            Rimos a esgalla e, sobre todo, os nenos de infantil, como non. O obxectivo desta representación á parte de que o pasaramos ben, foi recordar e recompilar os contos tradicionais que, no día de hoxe, a maioría esquecéronse.

            Eu, ó primeiro, pensei que ía ser máis infantil pero foi divertido e entretido, creo que para todos, e ese era un dos seus fins primordiais.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                                                                                       JESSICA JATO LÓPEZ

                     

3ºESO

 

 

 

 

           

 

 

 

 

  REDE NATURA 2000

                                                           

O luns 24 de setembro entre as 10:30h e as 12:10h organizouse na aula de música do colexio unha charla sobre o Medio Ambiente que  tiña como núcleo principal concienciarnos de que o espazo Ancares-Caurel é un privilexio e de que non o deberiamos estragar facendo uso de recursos malignos para a nosa flora e fauna. En xeral, toda a zona está considerada parque natural excepto algúns lugares como onde se sitúan as canteiras e os núcleos urbanos de Seoane e Folgoso.

A encargada insistiunos en moitos datos pero, concretamente en tres: O Caurel representa só o 1% da superficie protexida de España e o 40%, case a metade, da superficie protexida de Galicia. Repetiunos os seguintes conceptos: ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) e LIC (Lugar de Interese Comunitario), entre os que se atopa o Caurel. Tamén nos dixo que, para que a nosa zona recibise esta atribución foron precisos moitos requisitos: A colaboración do concello e a Consellería de Medio Ambiente para envia-la nosa proposta ó Ministerio de Medio Ambiente. Estes, ó analizaren o caso, poderían botar unha ollada a todo isto e, se o creran oportuno, enviarían a proposta ó Parlamento Europeo.

A xestora mostrounos imaxes dos diversos animais que habitan no Caurel e formulounos algunhas cuestións nas que non estivemos nada agudos ó responder.

 

JESSICA JATO LÓPEZ

                                                                                      3º ESO

 

 

 

 

 

 

 

 

“TOMA CASTAÑA”

 

MAGOSTO NO COLEXIO

 

                O pasado día 9 de Novembro, o colexio organizou un día de diversión e ocio para todos. Pola mañá e mais un anaco da tarde houbo varios obradoiros. 

-De cociña (intentamos cociñar algún que outro doce, fundamentalmente con castañas)

-De música (bailamos, tocamos e cantamos, foi moi divertido)

-De manualidades (fixemos diferentes manualidades para poder vender e gañar cartos para ir de excursión)

-De xogos tradicionais (carreira de sacos, bolos...)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                A partir das 3:30, 4:00 as castañas, que se estiveran a asar por uns rapaces de 4º, xa estaban case listas para comer. Mentres uns comían os alumnos de secundaria tocamos e cantamos unha canción que xa aprenderamos no obradoiro de música, logo chegoulles o turno ós profesores, que tamén tocaron e cantaron algunha canción.

Así pasamos a tarde comendo castañas acompañados de música e diversión.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

     

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                                                                      

EVA

MÉNDEZ LÓPEZ    3º ESO

 

FESTA DA CASTAÑA NO CAUREL

 

 

O día 10 Novembro celebrouse en Seoane do Caurel un magosto, “A festa da castaña”, xa popular nesta terra.

Pola mañá houbo misa e logo, o pregón, que se levou a cabo polos rapaces e rapazas do noso colexio, que, por certo, fixérono moi ben.

Logo do pregón houbo música, viño e castañas para pasar o día.

Todos os alumnos de Secundaria montamos alí en Seoane un posto no que se podían degustar productos da terra e tamén vendiamos todas as manualidades que fixermos no colexio, ademais de suadoiros, panos, chisqueiros, paraugas...

Todo para recadar fondos e poder ir de excursión.

Pola noite continuou a festa con música e castañas, (aínda que facía moito frío).

Foi unha festa moi amena e divertida e ademais moi especial, xa que este ano o pregón foi a cargo dos rapaces e rapazas do noso colexio.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

EVA MÉNDEZ LÓPEZ

                                                                                            3º ESO

 

 

 

PREGÓN DA CASTAÑA. ANO 2007

 

Queridos caurelaos, forasteiros, turistas, amigos e amigas:

 

Bos días a todos e todas e benvidos un ano máis á festa da castaña, a esta a súa  edición número 20.

O primeiro que debemos facer é agradecerlles ós seus organizadores a grande oportunidade que nos brindan de poder estar enriba deste palco representando a mocidade de Caurel , para levar a cabo a lectura do pregón.

No noso lugar soen estar diversas personalidades importantes e destacadas, pero, este ano 2007,  déixase nas nosas mans a responsabilidade que debemos empezar a asumir como a nova xeración de caurelaos e caurelás que comeza a súa andaina. Para este percorrido cómpre, tamén, certo apoio das nosas autoridades na oferta de actividades extraescolares (deportivas, musicais…) que poidamos realizar os nenos, nenas e mocidade de Caurel .

 

O Caurel foi definido por un escritor veciño como unha terra de ouro e de ferro na que as árbores e a auga forman parte da paisaxe, pero tamén forman parte dos corazóns de quen o lembra, lonxe ou preto, facendo pervivir por sempre a súa cultura e as súas tradicións ó longo dos tempos.

A importancia do material non debía contar cando se ollan estas cores do outono nos nosos soutos, cando se ve correr a vexetación polas nosas montañas e cando se oe rir a auga dos nosos ríos.

É unha paisaxe que permanece constante, iluminada dende que a luz eléctrica chegou arredor dos anos 60, pero cuns cumes que sempre a identifican ante a mirada dos caurelaos, caurelás ,turistas e persoas que aman esta terra.

Hoxe, nesta festa adicada á castaña, temos a obriga de lembrar a nosa tradición: a antiga figura do garda, que perdurou ata a década dos 60, e que cobraba un saco ou medio dos froitos recollidos (ou, moitas veces, o que se lle quixese dar).

 Debemos lembrar cando o souto se dividía en “adras” ( ou porcións do mesmo cun nome diferente); cando unha bucina avisaba cedo para ir apañar a zonas determinadas e o garda indicaba a onde en concreto. Cando algúns gañaban a soldada por apañar para os veciños e recibían a cambio unha cantidade de castañas secas e limpas- como moito unha fanega delas-.

Tamén era costume, durante o castañal (período que duraba a recollida) prohibir o paso de gando e dos carros polos camiños públicos nos que había castañas, que nalgunhas vilas eran a maioría.

O proceso ó que, tradicionalmente, se sometían as castañas antes de ser degustadas nas mesas era longo:

Primeiro  debíase preparar o souto: podábanse os castiñeiros para facer leña coa que secar as castañas e deixar espazo para que saisen as novas pólas.

Despois, limpábase  e facíase un reprexo para que, ó caer as castañas, quedasen no reprexo. Apañábanse  á man e depositábanse nun “mego de bimbras”. O derradeiro apañado ou “rebusco” indicaba que o souto quedaba “levantado” e as ovellas e porcos podían ir disfrutar das poucas castañas que lles quedaban.

A continuación, traíanse nun burro, cabalo ou ó lombo.

Logo, secábanse con cañotos de castiñeiro nunha cainceira ou sequeiro. Mesmo algunha xente se quedaba días para secar as castañas onde estaban os sequeiros. Estes eran unhas construccións que tiñan un baixo de terra onde acender o lume e, por enriba, había un piso con reixas de madeira onde se botaban as castañas ata que quedasen secas. Podemos visitalos nalgunhas  aldeas  de Caurel.

Despois, depositábanse no interior dun saco de estopa e batíanse contra un cepo de madeira, é dicir, pisábanse. Este traballo, segundo me contaron, era realizado por homes.

A seguir, abandoxábanse ou o que é o mesmo, depositábanse no bandoxo, no cal se levantaban as castañas arriba e abaixo para deixalas libres de puxa. O bandoxo tiña forma de parábola cunha táboa arredor, con dúas asas e unha corda que se enganchaba sobre os ombros e cuns buratiños na base.

Finalmente, cocíanse e comíanse con leite da casa, carne de porco ou, simplemente, en caldo. Tamén se asaban nunha “cachela” de ferro ou no tambor.

Do castiñeiro non só aproveitamos o froito, a súa madeira tamén é prezada na construción, a súa leña, a casca e a folla para darlla ó gando. Coas pólas facíanse comedoiros para os animais e canles para a auga.

DESPEDIDA

Para rematar, non nos gustaría deixar de lembrar neste paseo pola nosa tradición, un dos moitos refráns populares que recollen un pequeno tributo ó froito do castiñeiro:

A castaña no canizo

fixo pum e rebentou

caiu do canizo embaixo

Ai! Qué golpiño levou!

Animámosvos agora a que pasedes polo posto do CPI de Seoane que temos na feira e degustedes productos da terra. Por suposto, haberá que pagalos para que  poidamos ir de excursión.

 

Os novos dicimos ¡Vivan as castañas de Caurel!, ¡Viva Caurel! E ¡bo proveito!

(A continuación cada un dos participantes na lectura do pregón tira- coidadosamente- unhas cantas castañas ó público)

 

¿QUÉ  CELEBRAMOS HOXE?

 

TODOS CONTRA A VIOLENCIA DOMÉSTICA

 

A finais de novembro celebrouse no CPI de Seoane unha “homenaxe” ás mulleres víctimas da violencia de xénero. O núcleo principal dos actos foi tentar frear esa lacra, que cada ano acaba coa vida de tantas mulleres.

            O primeiro que fixemos foi pendurar no corcho da entrada fotografías de mulleres maltratadas, informes... para concienciar á sociedade de que o maltrato feminino concerne a toda a sociedade. Ó día seguinte, no recreo da mañá, os alumnos e profesores do colexio estampamos as nosas mans nun gran panel que acabou moi colorido: azul, verde, vermello...; cada quen tiña a opción de elixir a súa cor favorita para “vernizar” as mans. Acto seguido, léronse uns folios sobre o tema.

            Os alumnos dos distintos niveis tamén colaboramos, realizando paneis en cartolinas con varios temas. O mais impactante foi o de 1º de ESO, xa que se ollaba dende a entrada e posuía grandes dimensións. A mágoa foi que este traballo, na súa maioría pasou a segundo plano por causa da decoración navideña.

            Respecto a este día, non hai moito máis que contar, só queda repetir o que sempre se escoita: OS CONFLICTOS PÓDENSE SOLUCIONAR DIALOGANDO, non é preciso chegar ás mans.

 

 

 

      

       

 

 

        

                                                                                       JESSICA JATO LÓPEZ

                                                                                                  3º ESO

 

 

 

 

DÍA DA PAZ

O 30 de xaneiro  Dia da PAZ  cada membro da comunidade educativa escribimos nunha pomba de cartolina un pensamento, logo todos xuntos no patio fixemos unha pomba con todas para aunar sentimentos e desexos.

 

O DÍA DA ÁRBORE

 

O venres, día 4 de abril, celebrouse no colexio o día da árbore. O acto tivo lugar na aula de música entre as catro e as cinco do devandito día. Un señor, especializado no tema, explicounos a importancia arborística de que disfrutaba o Caurel, destacando os diversos usos que se lles podían atribuír. Antigamente, as árbore eran o núcleo principal e o dominante nas áreas rurais, xa que producían dende froitos básicos ata madeira para mobles.

            Houbo tamén un espazo adicado ás preguntas, contestadas maiormente polos nenos de primaria, e ás inquietudes que tiveramos. Para concluírmos, os alumnos recibimos cadansúa árbore. Había sobreiras, carballos, piñeiros,... e o guía animounos a bautizalos. Acto seguido, volvemos coloca-las cadeiras no comedor e desprazámonos ata fóra para soterrar outra árbore; cavaron o lugar e Arnau, un neno de Infantil, situouno no chan con moita alegría. Despois, déronselle uns mínimos retoques e botóuselle terra por riba.

            Isto foi todo o que deu de si o Día da Árbore, o que se podería cualificar como un discurso entretido e levadeiro para coñecer máis o entorno que nos rodea.

Jéssica Jato López

3º de ESO

 

 

 

 

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

    O venres 7 de Marzo celebrouse no noso colexio o día da muller traballadora.

En conmemoración do devandito día fixéronse diferentes actividades. Pola mañá, sobre as 12:00h aproximadamente, unha alumna de Primaria e outra de Secundaria leron uns textos referidos ó tema citado anteriormente.

   Logo tamén, entre alumnos e profesores fixemos unha exposición de diferentes mulleres: científicas, escritoras, pintoras..., das que hoxe aínda perdura o seu recordo,  como por exemplo Rosalía de Castro, Marie Curie… entre moitas outras.

No só debemos recordar a todas estas mulleres, que aínda que foron moi importantes non lles quitan mérito a todas as que hai hoxe en día non famosas, pero si mulleres traballadoras.

   É un día para renderlles homenaxe a todas as mulleres que traballan día a día para vivir, coidar as súas familias… e, aínda que hoxe en pleno século XXI pareza mentira,  hai moitas mulleres que non contan coas mesmas condicións laborais que os homes, como pode ser o salario, facendo o mesmo traballo ca eles.

Esto é algo moi inxusto, por iso se deberían cambiar estas regras, xa que todos somos iguais, homes e mulleres.

 

           EVA MÉNDEZ LÓPEZ

                                                                                                      3º ESO

 

                                                                     


 

ENTREVISTA A RODRIGO RODRÍGUEZ PROFESOR DE MÚSICA DE PRIMARIA

 

    Os alumnos de 3º de ESO fixémoslle unha entrevista a Rodrigo, profesor de música de Primaria, que, ademais do seu labor como docente, é compoñente de dúas agrupacións musicais das cales nos vai falar, entre outras asuntos relacionados coa música e coas súas afeccións en xeral. Aí vos vai.

 

A que idade empezaches a tocar algún instrumento?

 

Empecei a toca-lo piano ós 7 anos.

 

Como se chama o grupo onde tocas?

 

Toco en dous grupos. Toco nun folclórico que se chama “Mistura”, que é só de gaitas, tambores, tradicional; e un grupo folk que é “Clan Maragato”, facemos un pouco de música máis movida, máis festeira.

 

Que tipo de música facedes?

 

Folk, estilo de folk fusión. Para que me entendas, os músicos que integramos “Clan Maragato” somos dunha rama diferente. O baixista mailo guitarrista son rockeiros, a percusión folk tradicional, tradicional, logo estou eu que me vai todo, gústame moito o jazz, as harmonías fágoas eu. E así sáenos un “mezcladillo” bastante resultón.

 

Cando se formou o grupo? Cantos compoñentes sodes?

 

Fará seis ou sete anos que formámo-lo grupo. Estamos no 2008, pois no 2000-2001 arrincamos. Empezar, empezamos dous, na miña casa. Empezamos tocando, a argallar, e cando nos quixemos dar conta, chegamos ó resultado final que temos agora, oito músicos, sete rapaces e unha rapaza, a pobre.

Que instrumento tocas dentro do grupo?

 

Toco máis dun, toco sobre todo o acordeón, pero tamén toco a gaita, as frautas, ocarina e xa está, ben me chega.

 

Tendes algún disco no mercado?

 

Non, temos un que afortunadamente non está no mercado (risas). Contamos con este verán ter unha gravación.

 

Resúltache compatible dar clases co labor dos ensaios grupais?

 

De feito, eu son o que ten máis dispoñibilidade nos ensaios. Os que fallan máis son os traballadores a turnos, os que están estudando fóra que son rapaces máis novos ca min e están en Vigo, en Oviedo, Gijón, eses si que teñen problemas para ensaiar, eu non. Eu o que teño é moita vagancia, pero tempo teño.

 

“Lígase” moito desde os escenarios?     

 

Ah, pregunta talismán! (risas). Pois, mirade, por lóxica pura, si. O primeiro que nos gusta a nós é o que vemos, e a quen se lle ve mellor que a un encima do escenario? E encima se estás facendo algo que che gusta, pois claro, tes máis facilidade, si. Non é que eu ligue moito, pero, en fin, algo máis no escenario que abaixo, si.

 

Que estilos de música che gustan? Cal é o teu cantante ou grupo de música favorito?

 

Gústame case todo. Pódoche dicir mellor o que non me gusta e así acabo antes. Non soporto os novos ritmos, o reggetón non o soporto, violento, agresivo, repetitivo, nin me gusta demasiado o tekno, para iso prefiro o house.

O meu cantante favorito, pero isto é paixón, non é por como canta, é Joaquín Sabina. Non ten nada que ver coa súa voz, pero ese señor non ten par.

 

     Cantos instrumentos sabes tocar?

 

Uns cantos, sei toca-lo piano, o acordeón, toco a frauta, a gaita e logo en percusión toco a pandeireta, o tambor, o bombo, as darbukas, o djembé, bongos, as congas. En percusión deféndome bastante ben. E un pouquiño de nada a viola, pero a viola… nada, non contéde-la viola, guitarra e aí cortamos.

 

Que che gusta máis, dar clases de música ou exercer como músico?

 

Exercer como músico, sen dúbida. As clases soen ser moi ingratas, moi ingratas. Cando che toca un alumno destes que fan todo canto lle dis, que están detrás túa, que che preguntan, que ensaian, iso si, é un pracer. Pero normalmente os cativos pasan, non tiven tempo, tiven un exame de non sei que…, bastante frustrante, estarlles ensinando e ver que non acaban de tirar para adiante.

 

Que instrumento che gustaría aprender a tocar?

 

O que estou agora mesmo aprendendo a tocar, o saxofón. Teño moitas ganas de aprender a tocar ben o saxofón.

 

Que opinas dos “fenómenos musicais” do momento como O.T. ou Son de Estrelas?

 

Que? Perdón (risas). Son de Estrelas? Cal é, o dos Morancos ou…?

 

O da Galega.

 

Nin o vexo, O.T. tratei de non velo. Non teño boa opinión deles, paréceme unha trapallada, todo comercial, non ten moito que ver coa música en si, non son partidario dese tipo de programas.

 

Coñeces algo da música tradicional de Caurel?

 

Pois un pouquiño desde que estou aquí, pero pouquiño. Vin o libro de recompilación de Foxo e logo o que a xente canta por aí, pero pouco. “A pastora do Caurel” e gracias.

 

Consideras que é moi difícil aprender a tocar un instrumento?

 

Non, mira, iso depende do instrumento que toques, por exemplo un triángulo non é moi difícil de tocar, pero se falamos dos típicos instrumentos ós que todo o mundo lles ten máis respecto, o piano e o violín, son complicados, son unha carreira máis. Á parte do que estudedes, un instrumento musical, ben tocado, é unha carreira máis, moitas horas nunha vida. E, á parte, hai que ter certa aptitude, non vale só con querer, hai que ter tamén certo talento.

 

Que nos aconsellarías?

 

Primeiro, eu recoméndolle a todo o mundo empezar por percusión, pero coas mans eh?, coas mans ou co pé, levando o ritmo das cancións. Primeiro, ter noción do ritmo, despois colle-lo instrumento que queirades, sós, antes de ter un mestre, aínda que o fagades horriblemente mal. A primeira impresión é intuitiva, o que che pide o corpo é boa cousa. E despois, nun mes ou dous, que es tan pesado, que che segue gustando o instrumento, o profesor, unha academia e a tirar millas… Pero primeiro recomendo tirar sós sempre, e face-lo que vos pide o corpo co instrumento.

 

     Con que instrumento te sentes máis a gusto?

 

Coa gaita, sen dúbida. É paixonal, dinámica, divertida. Teno todo. Encántame a gaita.

 

Tes outras afeccións ademais da música?

 

Home, si, oh, se non sería un pouco “friki”. Gústame o que a todos, ir ó cine, teatro, saír de marcha, bailar non moito, ademais non o fago nada ben, ir á praia, bañarme… O que lle gusta a todos.

 

Gústache Caurel?

 

Si, encántame. Encántame o Courel. Perdón, Caurel, é que fóra de aquí todo o mundo di “Courel” e aquí todos dicides “Caurel”. Aínda así, doume conta que non vale todo o mundo para vivir aquí, algúns agóbianse aquí. Eu non, que pasa? (risas), que vosoutros agobiádesvos, ouh? Non, pois eu aquí estou moi ben, moi a gusto.

 

     Gustaríache seguir dando clases en Caurel?

 

Si, encantaríame.

Destacarías algunha anécdota ou algo sorprendente para ti de Caurel?

 

Algunha anécdota? Pois mira, cando cheguei aquí a primeira semana e fun a unha aldea de Visuña, fun buscando a un señor que dicían que se chamaba “O Cantinero”. E aquilo foi unha especie de historia de terror. Era pola tarde, eu estaba coa miña moza, chamando a berros, nunha aldea deserta, había galiñas por alí, un can… , e non había xente. Nosoutros, eeeeh, ola, e nada, non contestaban. Dicías, mi madre, aquí van saír de repente catro cun sacho, cun fouciño e veña a correr. Unha anécdota curiosa do abandono das vilas de aquí.

Viaxaches moito co teu grupo? En que países estiveches?

 

Co grupo de folk, en ningún, aquí e ben me chegou, pero co grupo Mistura viaxei un montonazo. Estiven en toda España, en Francia, Italia, País de Gales, Inglaterra, Polonia, Romanía, Hungría… Estiven en Buenos Aires, en Arxentina, Río de Janeiro, Mar de Plata, tamén en Arxentina, pero iso na outra punta, no Pacífico, espectacular, “lo recomiendo”, cambiei ó “castellano”, perdón. Xa sabedes, hai que apuntarse a un grupo, toca-la gaita ou bailar e viaxar.


 

 


Principal Arriba