PORTADA>O CENTRO>A NOSA HISTORIA

 

Ata o século
XVIII non se podía falar dun ensino realmente regulado. Evidentemente, ata entón
todo o que tiña que ver coa formación estaba ó alcance duns poucos
privilexiados. Os privilexiados podíano ser por dous motivos: ben por poderen
disfrutar das vantaxes que de por si supoñía o pertencer a un estrato social
elevado –daquela un tercio das terras do Concello estaba nas mans de vinte
familias-; ben porque os fillos dos máis pobres, e enténdase ben, os fillos
endexamais as fillas, en contadísimas ocasións podían optar a “vivir coma
curas”. Esto último sempre que atopasen o apoio dalgún crego, cóengo ou
presbítero que avalase dalgún xeito a súa formación. Téñase en conta que o
oficio de crego era o escollido para algúns fillos segundos das familias máis
acomodadas, mentres o primeiro quedaba coa herdanza.

Non se debe esquecer que o ensino era privado. É dicir, custaba cartos, e eso
supoñía case unha utopía para aqueles traballadores do campo, a maioría da
poboación, que tiñan fillos que ben podían botar unha man nas labores en vez de
“perde-lo tempo asistindo á escola” tendo que pagar aínda por riba.

Por suposto, como se dixo arriba, as nenas nin podían oír falar da posibilidade
de saborear esta prebenda. O seu sino pasaba por seguir vivindo na mesma miseria
na que os seus pais, e tal vez avós tamén, viviran.

Así é que a mediados do século XVIII na relación de oficios e profesións do
catastro do Marqués de la Ensenada, figuran con estudios moi poucas persoas. A
penas había dous xuíces, tres escribáns, un médico, un arquitecto, un avogado,
algún agrimensor, homes de armas –oficiais do exército pertencentes ás “casas
fortes”-, e, como non, os correspondentes cregos, presbíteros e cóengos. É neste
intre cando aparecen recollidos os dous primeiros “Maestros de niños”. É este o
intre no que aparece dalgún xeito a primeira escola oficial.

A localización das escolas variaba duns anos a outros, sobre todo, en función do
lugar de residencia do mestre. Este poñía a súa casa para usar como escola a
cambio dunha mísera remuneración. Calquera artesán ganaba moito máis que un
mestre, por non falar dun médico ou avogado que podía chegar a ganar unas dez
veces máis.

Case chegando á metade do século XIX aparecen as primeiras escolas incompletas,
chamadas así polo seu tipo de financiamento mixto. Eran sostidas entre O
Concello e os pais. Mesmo se chegou a debate-la posibilidade de que se crease
unha escola pública no ano 1848, posibilidade que foi desestimada dado o momento
de penuria económica que atravesaba O Concello, xa que daquela tiña que facer
fronte a un investimento de tres mil reales de vellón para poder construír a
devandita escola pública.

Nos derradeiros anos do século XIX, faise un esforzo para tentar acurtar os
desprazamentos dos nenos ata a escola; habilítanse distintas escolas en máis
lugares para que o ensino estivese máis preto dos nenos.

A principios do século XX distintos emigrantes eríxense en protectores da
formación académica local. Así, aparecen escolas con distintas finalidades
educativas, e mesmo con currículos adaptados ós pareceres que deixara sentados
nas súas premisas o protector. Mesmo os mestres debían responder a un perfil
determinado. Así recóllese que na Escola do Padroado de Santa Xusta o mestre
debía ser:
“... de arregladas costumbres, vecino de la feligresía, buen castellano e
instruido en las virtudes, que sepa leer letra antigua y moderna, manuscrita y
de molde y que no se le conozca vicio alguno contra la ley Santa de Dios...”

O currículo na Escola do Padroado de Santa Xusta había de ter en conta que:
“... se ha de enseñar en ella la doctrina cristiana además del leído, escrito y
cuentas. Y se ha de acostumbrar que el maestro y los niños, al salir de la
escuela mañana y tarde han de rezar un Pater Noster y Ave María con Gloria Patri
por el alma del fundador y todos los viernes los cinco Misterios Dolorosos del
Santísimo Rosario...”

Contrasta esta filosofía coa que outros emigrantes pretendían recoller nas
chamadas Escolas Laicas, que non impartían ensino relixioso. Pola contra,
centraban o seu ideario nunha educación científica aplicada ás distintas saídas
profesionais, e creaban talleres para a aprendizaxe das innovacións agrícolas e
industriais, tentando conseguir que os alumnos tivesen unha preparación axeitada
para unha posterior emigración. Por esta razón, escolas como a financiada en
Laxe pola emigración en Bos Aires contaban coa desaprobación do crego da
parroquia que chegou a chamala escola moura.

Xa no século XX aparecen tamén as escolas mixtas e as escolas completas. A
situación social, económica e cultural facían que daquela, como se pode
comprobar, o ensino non gozara de demasiados apoios. Os encargados de velar pola
“calidade” do ensino era a “Xunta do Ensino” formada polo alcalde, concelleiros,
algún crego e pais ou nais cun nivel cultural axeitado. Encargábanse de
supervisa-las deficiencias de dotación e de controlar o progreso do alumnado.
Todo esto estaba encamiñado a que, cando o Señor Inspector viñese, atopase uns
alumnos que aprendían nun sitio máis ou menos decente.

Aqueles alumnos que destacaban polo seu comportamento ou polo seu rendemento
académico eran recoñecidos coa entrega dun premio honorífico.

Deste xeito ten lugar o proceso de ensino-aprendizaxe durante boa parte
do século XX, no que se comproba que o das escolas mixtas tería éxito xa entrada
a segunda metade de século. No 1972 créase o Centro Nacional Comarcal de Santa Lucía

.

Este Centro Nacional Comarcal de Santa Lucía é o que se pode ver na
imaxe do fondo de pantalla. Era unha nave central que tiña adosadas dúas ás de
tres flancos cada unha. Aínda se usa hoxe, pero engadíronselle dous edificios
máis: un para atende-las necesidades do ensino infantil e outro, máis
recientemente, no que se atopan dependencias como a Aula de Informática, o
taller de tecnoloxía, a aula de música, a aula de debuxo, a biblioteca, unha sá
de profesores e as oficinas administrativas, esto
é, secretaría, xefatura de estudios e dirección.




Adaptación do traballo de D. José Casal Porto
Nº 0 de A Taboada