XEOLOXÍA
PORTADA>DEPARTAMENTOS>DPTO. CIENCIAS DA NATUREZA>XEOLOXÍA>O COMPOST

O COMPOST

1-O SOLO E A SUA MATÉRIA ORGÁNICA. O solo é o resultado da interacción do clima, e dos seres vivos sobre o material xeolóxico da terra. Está composto de material xeolóxico disgregado (terra), matéria orgánica en descomposición, aire, auga e unha miríada de seres vivos (insectos, raices das plantas, fungos vermes, bactérias, etc). Estes elementos están intimamente misturados entre si, formando un sistema que evoluciona cara unha maior complexidade, puidendo sufrir episódios regresivos como: erosión, falta de nutrintes, contaminación, etc. A matéria orgánica do solo aparece en porcentaxes moi variables e ten grande importáncia na mellora das suas propiedades físicas e químicas para o desenvolvemento das plantas. Está composta por restos de plantas e de animais. A matéria orgánica é consumida polos organismos detrictívoros que a utilizan para obter matéria e enerxia. O humus constitue o 85-90% do total da matéria orgánica do solo. Forma-se por un proceso no que teñen lugar unha complexa série de reaccións químicas. As suas principais propiedades e funcións son: -Favorece a absorción dos raios solares debido á sua cor escura e polo tanto provoca un aumento da temperatura. -Favorece a aireación e a drenaxe da terra ao misturar-se con arxilas e formar agregados que melloran a estructura do solo. -Retén a humidade actuando como unha esponxa. Polo tanto prevén a erosión. -Mellora e aumenta a dispoñibilidade dos nutrintes. Retén os distintos nutrintes (Mg, Ca, K, Na, etc) por atraccións electrostáticas. É dicir, aumenta a capacidade de cámbio dos solos. -Sirve de soporte a multitude de microorganismos. A sua actividade proporciona ás plantas parte dos nutrintes que necesitan.

2-¿QUE É O COMPOST?. A palabra compost provén da latina componere, que significa reunión. É dicir, que fai referéncia ao conxunto de restos orgánicos que sufren un proceso de fermentación. Teñen unha cor marrón escura como a da turba que se vende en xardineria. O compost madurado e seco é estable despois do proceso de fermentación, ata que se reincorpora de novo ao solo. O compost está composto esencialmente por matéria orgánica e nutrintes como N, P, K e outros oligoelementos necesários para as plantas como Fe, Mn, Zn, B, Mb, Cu, etc. A actividade biolóxica do solo ve-se favorecida porque contén , o compost, unha cantidade considerable de microorganismos que sintetizan vitaminas, hormonas, etc. O compost aumenta a Capacidade de Intercámbio Catiónico do solo (CIC), contribue a estabilizar a estructura dos seus agregados aumentando a capacidade de retención de auga a mellorando a porosidade e infiltración desta no solo. Reduce pois, a escorrentia superficial evitando deste xeito a erosión.

3-O PROCESO DA COMPOSTAXE. É un proceso bioquímico aeróbio realizado principalmente por bactérias e fungos, e en menor medida por actinomicetos e outros microorganismos. Tamén poden realizala macroinvertebrados como as miñocas, en tal caso falaremos de vermicompostaxe. A compostaxe é unha versión acelerada de fermentación que se produce na follasca dos bosques de xeito natural. Para que se forme compost é necesária unha masa crítica e unhas determinadas condicións de aireación e humidade. A compostaxe consta das seguintes fases: 1-Fase de laténcia e crecemento: Os microorganismos adaptan-se ao novo médio e comezan a multiplicar-se. Esta fase dura de 2 a 4 dias e ao final acadan-se temperaturas que poden superar os 50 ºC. 2-Fase termófila: Os microorganismos mesófilos van sendo substituidos por outros termófilos. A temperatura situa-se entre 50-70 ºC polo que os microorganismos patóxenos, larvas, e sementes precen por estrés térmico. Este proceso pode durar entre unha semana e dous meses según se trate de sistemas acelerados ou de fermentación lenta. Debe vixiar-se nesta fase tanto unha correcta pasterurización como unha excesiva mineralización. 3-Fase de maduración: É un periodo de fermentación lenta. Os microorganismos termófilos diminuen e aparecen outros como os fungos (os basidiomicetos degradan a lignina, os actinomicetos a celulosa, etc). Nesta fase a partir de compoñentes orgánicas sintetizan-se colóides húmicos, hormonas vitaminas, antibióticos e outros compostos que favorecerán o desenvolvemento vexetal. Se a fermentación ten lugar por riba do nível da terra poden penetrar miñocas na masa , o que acelera o proceso.

4-A RELACCIÓN CARBONO/NITRÓXENO E OUTROS PARÁMETROS. o Carbono e o Nitróxeno son dous elementos esenciais para a nutrición de calquera organismo e deben subministrar-se nunha proporción axeitada para unha boa fermentación. Se os resíduos que dispomos teñen demasiado C o proceso de fermentación será lento e as temperaturas non subirán suficientemente e perdera-se o exceso de C en forma de dióxido de carbono. Se polo contrário os resíduos teñen demasiado N  produciran-se perdas deste elemento en forma de amoníaco (NH3). Os valores óptimos de C/N deben estar entre 25 e 35 para que poida dar-se unha boa fermentación. Durante o proceso da fermentación producen-se perdas de Carbono en forma de CO2, polo que a relacción C/N irá diminuindo ata acadar un valor entre 12 e 18. Se o valor final é inferior supon-se que o compost se mineralizou excesivamente e se é moi alto indica que non se descompuxo suficientemente. É importante o tamaño de partícula do material de partida. Un tamaño pequeño supón maior superfície de ataque e polo tanto fermentacións máis rápidas e homoxéneas. Se o tamaño das partículas é excesivamente pequeño pode compactar-se demasiado a matéria orgánica e impedir unha correcta aitreación. A aireación é necesária para que a fermentación que teña lugar sexa aeróbia. Se se produce unha fermentación anaeróbia ocasionan-se sensibles perdas de Carbono e Nitróxeno e poden producir-se malos cheiros e baixas temperaturas. A humidade óptima inicial é do 50% en peso, ao final deberá baixar ata un 30-40%. a falta de humidade reduce a actividade microbiana e baixará a temperatura e paralizara-se a fermentación. Se a humidade é excesiva pode provocar fermentacións aneróbias porque dificulta a difusión do aire. O pH xa é un factor de importáncia secundária xeralmente é lixeiramente ácido ao princípio (preto de 6), neutro cara a metade do proceso e levemente alcalino ao final . Os valores alcalinos (7 ou 8) poden provocar perdas de N en forma de amoníaco.

5-SISTEMAS DE COMPOSTAXE. Podemos clasificar os distintos sistemas de compostaxe según o volume do material que queiramos compostar e o tipo dos materiais compostables. En canto ao volume do material, podemos dispor de apenas uns poucos Kgs ao dia ata centos de toneladas de matéria orgánica, no caso dos xestores de resíduos municipais. Para realizar a compostaxe das pequenas cantidades de matéria orgánica que se producen no fogar, podemos realizar autocompostaxe usando para isto uns compostadores caseiros que se poden instalar no xardín ou na horta da casa. Se non dispomos de xardín ou horta ou un espazo similar onde poidamos depositar o compost, ou se non temos tempo de efectuar estas experiéncias de autocompostaxe entón o que facemos é darlle a matéria orgánica ao xestor de resíduos do noso concello. Para grandes cantidades de resíduos orgánicos existen unhas instalacións denominadas “plantas de compostaxe” que son capaces de producir grandes cantidades de compost de xeito industrial e optimizando todos os procesos e o tempo necesário para producir o compost. Estas plantas poden estar totalmente automatizadas co que se quere asegurar que o compost obtido teña a máxima calidade. Existen plantas de compostaxe de moi variada tecnoloxia e funcionamento. Poden compostar-se directamente os Resíduos Sólidos Urbáns sen separar a matéria orgánica do resto das compoñentes do lixo. A tendéncia xeral en Europa orienta-se cara a producción dun compost de calidade, só composto de materiais fermentables. Polo tanto, se separamos a matéria orgánica , no noso fogar, do resto dos resíduos, obtemos un compost axeitado para moi diversos usos como: xardineria, agricultura, recuperación de solos erosionados e incluso pode ser usado como acondicionador do solo en plantacións forestais. Actualmente tanto a lexislación da Unión Europea como a do estado español priman a compostaxe industrial con separación no fogar, sobre a compostaxe industrial coñecida como “todo un”. En Galiza nestes intres xa se está construindo unha planta de compostaxe, con separación no fogar, na cidade da Coruña que atenderá a unha povoación de preto de 250.000 habitantes. Outra planta de similares características está en proxecto, abrangueria parte das comarcas do Barbanza e de Muros-Noia. En fase de estudo prévio, tamén plantas de compostaxe con separación, están os governos municipais das cidades de Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Ferrol e Lugo. Na cooperativa Terra optamos, en princípio pola elaboración do noso próprio compost a partir de restos vexetais (autocompostaxe), así como pola elaboración de compost mediante miñocas (Vermicompostaxe).

6-A AUTOCOMPOSTAXE. A compostaxe xa era practicada na Antigüidade. Dende hai miles de anos os chineses recolleron e compostaron todas as matérias dos seus xardíns, leiras e casas. Despois da 2ª Guerra Mundial descubren-se os abonos químicos e comeza a sua utilización acompañada da mecanización das actividades agrárias e do uso de pesticidas. Recentemente este modelo de producción agrícola intensivo ten-se revelado como “non sostible”. Se dispomos dun pequeño espazo no xardín ou na horta da nosa casa podemos autocompostar os nosos resíduos e obter así un excelente acondicionador para o solo que as nosas plantas de seguro agradecerán. Para que poidamos realizar autocompostaxe podemos facer pilas de resíduos ou ben depositar os mesmos nun sinxelo compostador caseiro, isto último é preferible para facilitar a descomposición da matéria orgánica e protexer á pila da desecación e do exceso de humidade. Tamén podemos protexer as pilas cunha manta vella ou sacos de tela. En canto ao tipo de materiais e colocación dos mesmos debemos ter en conta que para elaborar o compost temos dous tipos de materiais. Por unha banda os materiais húmidos, ricos en nutrintes como o Nitróxeno. Son os restos de verduras, cascas dos ovos, pousos do café . Por outra banda interveñen materiais secos que son ricos en Carbono. Son as pólas de árbores e arbustos, follas secas, serrín, viruta e palla. E necesário esnacar as pólas en fragmentos inferiores a 10 cm para facilitar a sua degradación. Cousas a ter en conta durante a autocompostaxe: Fase termófila: Se o compost está demasiado pegañento e brillante é que ten demasiada humidade. Nesta situación o exceso de auga despraza ao aire , necesário para a vida dos fungos , invertebrados e bactérias aeróbias. Se chegan a desenvolver-se bactérias anaeróbias poden dar-se malos cheiros. Para solucionar isto é preciso voltear e airear o compost e quizais engadirlle materiais secos. Tamén pode dar-se o caso contrário ao anterior, cando o compost ten un aspecto pálido e decolorado tal vez está demasiado seco. Isto pode provocar a paralización do proceso da compostaxe. Neste caso hai que voltear e humedecer a pila do compost. Estes problemas expostos fan que nos decatemos da grande importáncia de realizar correctamente a colocación e as cantidades oportunas de materia húmida e seca. Fase de maduración: Nesta fase o interior da pila de compost está a entre 20-30 ºC. Esta é unha temperatura ideal para que os fungos e os invertebrados cheguen á pila de compost e se multipliquen . Hai que voltear a pila de compost polo menos unha vez cada dous meses o que ocasionará o conseguinte aumento de temperatura. O volteo tamén se realiza para que se vaian descompoñendo mellor os laterais da pila que xeralmente tardan máis en degradar-se. O compost está maduro cando emite un agradable arrecendo a terra de bosque e presenta unha estructura en agregados de cor marrón. A maioria das miñocas terán abandoado nestes intres o compost por falta de alimento. 11 Regras para elaborar un bo compost. 1-Non soterrar nunca o material nun burato, xa que non recibe aire e produce-se putrefacción e fedor. 2-Non usar xamais un recipiente pechado por todos os lados pois impide a ventilación. 3-Non facer a pila sobre unha base pavimentada. Necesita estar en contacto coa terra e os seus seres vivos. 4-Poñer material groso na base da pila ata uns 20 cm de altura. Colocar enriba material máis fino. Se se engade céspede que sexa moi desmiuzado e murcho. Coidado ¡Pode haber perigo de podrémia!. 5-Esparexir terra de horta ou algas para favorecer a descomposición. 6-Os refugallos da cociña cubren-se sempre con terra para evitar a aparición de animais (cans, gatos,etc). 7-Evitar a desecación total da pila. Os microorganismos necesitan humidade. 8-Procurar que a pila non estea demasiado húmida pois non estaria ben aireada e aparecerian os fedores e a podrémia. 9-As cascas de cebola, os ceboliños, e os pousos de té ou café son ideais para aumentar o número de miñocas. 10-Mediante a mistura de partes verdes, leñosas e estercos pode lograr-se un proporción axeitada de Carbono/Nitróxeno, a relacción ideal é de 25-35. 11-Cubrir a pila con follas, palla, sacos de tela ou outros para fomentar o quecemento da pila e evitar a perda de Nitróxeno. Non empregar plásticos porque impiden a aireación da pila.

7-A VERMICOMPOSTAXE. A vermicompostaxe é un proceso de fabricación do compost no que as miñocas procesan a matéria orgánica para transformala en humus. As miñocas utilizan a matéria orgánica para a sua alimentación, asimilan darredor dun 40 % do que inxiren, namentres que o 60% restante é transformado en humus. O humus de miñoca é un producto da dixestión destes animais. É un producto moi estable, imputrescible e non fermentable cun aspecto final semellante ao dos pousos do café. Este humus ten unha altísima carga microbiana, o que protexe ás raices das plantas doutras bactérias patóxenas e de nemátodos. Ademais dispón de gran cantidade de oligoelementos e hormonas como o ácido Indol Acético (AIA) ou as Xiberelinas que facilitan o crecemento das plantas.

8-¿QUÉ TIPO DE RESÍDUOS SE DEBEN AUTOCOMPOSTAR?. A.Rápida descomposición. -Follas frescas. -Restos da sega do céspede. -Esterco de aves de curral. -Esterco de ovellas e cabras. -Restos vexetais non leñosos. B.Descomposición máis lenta. -Restos de froitas e verduras. -Bolsas de té e pousos do café. -Palla e herba fermentada. -Estercos pallizos (cabalos e burros). -Flores vellas e plantas. -Desbroces de setos xóvenes. -Vexetais brandos. -Matogueiras perennes. -Restos das gaiolas de coellos, hamsters... C.Descomposición moi lenta. -Follas do outono. -Desbroces de setos duros. -Pólas podadas. -Serrín e virutas. D.Outros materiais. -Cinza de madeira. -Cartón. -Toalllas, bolsas, envases (todo de papel). -Tubos de cartón e cáixas dos ovos. E.Mellor evitar. -Restos de carne e pescado. -Xornais. F.NON UTILIZAR. -Cinza de carbón e de coque. -Excrementos de cans ou gatos. -Pañais desbotables. -Revistas ilustradas.