FONEMA

Do máis aló da gorxa
dun profundo e misterioso fol,
saíannos sons que debiamos matar
Repitan:
Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de trigo

Pero Lolo o do Rito dicía
que Los pajaros de Juadalagara tiene la jarjanta llena de trijo

e o mestre dáballe un pao.
A min custoume algún traballo dicir sen respirar
que había plantas monocotiledóneas
pero non din sabido de que familia era
se é que a tiña
o toxo que douraba os montes de Galicia.

Autor: Manuel Rivas
Libro: "COSTA DA MORTE BLUES"

 


ATRÁS (LIBROS)

 

 

CASTELAO

Irmán,
olla por nós.
dende o vento do alén,
olla por nós, irmán

Irmán,
sigue dando hoxe,
como cando vivías,
un rir que estale en lóstregos,
de libertade e de xusticia.

Irmán,
olla por nós,
danos hoxe tamén as forzas enxebre
para loita xerminal de cada día.
Até que a nosa sangue acenda
labradas en guerra contra a
morte,
lumieiras que canten nos outeiros
os poderes da fouce i-os poderes
da frol,
os poderes do pranto, do traballo
e do pan,
i-os poderes da pólvora viva
que nos arreventan no corazón.
Irmán,
dende a nova semente dos teus
eidos
a mocedades d'ouro que soñaras,
olla por nós, irmán, irmán.



ATRÁS (PORTADA)