E hoxe...pera!!!

 

Aviso usuarios de comedor

Ante as preguntas realizadas por algunhas familias, sobre a reserva de praza de comedor para o vindeiro ano, informámosvos de que podedes facer dita reserva ata o venres día 10 de xuño en Secretaría. 

É importante que todos aqueles que xa saibades que ides a facer uso deste servizo fagades a reserva, por cuestións organizativas do centro.

GRAZAS!

O DIRECTOR 

Clausura das actividades extraescolares

O pasado mércores día 1 de xuño, fixemos a clausura das actividades extraescolares. Para isto, os alumnos das distintas actividades fixeron unha exhibición do moito que aprenderon e avanzaron nas actividades ás que asistiron ao longo de todo o curso.

Noraboa a todos por tanto traballo tan ben aproveitado. Esperamos que despois das demostracións de tantas habilidades que vimos nas distintas exhibicións, animédesvos a participar moitos máis o vindeiro ano.

Ata o ano que ven!!! 

 


Picnic do comedor

O martes día 31 de maio, aproveitando que tiñan todo o colexio para eles, unha grande parte dos alumnos de Infantil, quedáronse no comedor para realizar unha actividade moi entretida. Esta actividade tamén serviu de colofón a todo un ano de traballo e actividades do persoal do comedor. Esta vez as nosas monitoras prepararon...un picnic!!!

O día foi inmellorable para a súa realización e podedes ver o ben que o pasaron na presentación que tendes abaixo.

Moitísimas grazas como sempre as monitoras, e...ata o ano que ven!!! 

 

Día da bici no colexio da Asunción

Hoxe celebramos no noso centro o "Día da bici".

Foi unha xornada do mais entretida e co bon tempo que luciu, todos o pasamos en grande.

Os pequenos de Infantil fixeron os seus roteiros polo patio adiante, o resto do colexio fixemos unha ruta polo noso pobo para rematar no parque do Chanto.

Logo, os alumnos da ESO acompañados dalgún dos seus profes, fixeron outra ruta un pouco máis ampla, ata a hora de comer.

Logo comimos todos xuntos desfrutando do día e pasamos unha divertida tarde de xogos no parque.

 

Información importante "Día da Bici"

Por razóns alleas ao centro, temos que adiantar a hora de saída da actividade "Día da Bici". 

A saída, programada para ás 11:45 h, adiántase ás 11:00 h.

 

Desculpade as molestias!!! 

Día dos Maios e as Letras Galegas

O 30 de maio os alumnos do Colexio da Asunción celebramos o día dos Maios e as Letras Galegas.

Os alumnos de 4º da ESO representaron para os seus compañeiros "Os vellos non deben namorarse", dende os pequenos de infantil ata os alumnos mais maiores, e todo o público que alí estaba, desfrutaron moitisimo coa obra. Noraboa a eses actores e a directora da obra!!!

  

 

 

A continuación, saímos ao patio onde se lle rendeu unha homenaxe a Manuel María, cantando e bailando un rap composto polo pai de dúas alumnas do noso colexio. Grazas Xose Manuel!!!

 

 

E por último, como fin de festa, descubrimos unha escultura da nosa artista Violeta, en homenaxe a Rosalía de Castro. Moitas grazas Vio, queda ben lucida no noso patio!!!

 

Toda esta festa estivo amenizada polo noso grupo "Asunfolk", os nosos gaiteiros e os bailaríns. Grazas a eles tamén, e por suposto...a quen os dirixe!!! 

 

Enquisas familias

Lembramos a todas as familias que o prazo para depositar as enquisas de satisfacción na urna situada na portería do colexio, remata o mércores 1 de xuño. 

A vosa opinión é moi importante para nós.

Se algunha familia non ten a enquisa pode solicitala na secretaría do centro.

Grazas!!! 

DÍA DA BICICLETA

Debido ás condicións meteorolóxicas previstas para o venres 27, decidimos cambiar a data de celebración do día da bicicleta, que será o martes 31 de maio, co mesmo horario e actividades.

 

 

"CAMPAMENTO ESCOLAR INDIO"

 
CANDO ?
ONDE ?
QUEN ? 


SE QUEREDES SABER MAIS... PREMEDE NA IMAXE  

CONVIVENCIA ASUNCIÓN SARRIA- PONFERRADA

 

Festa fin de curso do comedor

O luns 23 de maio, celebrarase a festa de fin de curso do comedor. Adiántase uns días ao remate do comedor, que será o martes 31 de maio, xa que nas próximas semanas hai diversas viaxes de fin de curso, e deste xeito, tentamos que a maior parte dos alumnos que son usuarios do comedor poida asistir a dita festa.

Ademais, por este motivo, o menú do comedor do luns cambiará porque terán un menú propio dun día de festa.

 

Esperemos que todos desfruten moito!!! 

 

Títulos da promoción 13-14

Informámosvos que os alumnos que promocionaron no curso 13-14 xa tendes os títulos no Centro.

Podedes pasar a recollelos por Secretaría.

Ademais recordar aos de promocións anteriores que non recolleran os seus títulos que poden pasar tamén por Secretaría para facelo. 

Viaxe dos alumnos de 5º e 6º EP a Portugal

Os nosos alumnos de 5º e 6º de EP seguen desfrutando un montón das actividades do parque Penaventura. Mirade o ben que o están pasando!!!

  

Premendo na imaxe da disco poderedes acceder a galería onde veredes as novas fotos. 

Fondo solidario de libros, axudas para libros e material escolar

Xa está publicada a Orde pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigaroria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2016/2017.
Para consultar dita orde premede no seguinte enlace.
 
 
Ao longo da vindeira semana recibiredes unha circular, onde se aclararán distintos aspectos relacionados con esta Orde, prazos de solicitude, requisitos necesarios para acceder as distintas axudas, etc...

Viaxe dos alumnos de 5º e 6º EP a Portugal

Hoxe os alumnos de 5º e 6º EP puxeron rumbo a Portugal para desfrutar do parque Penaventura.

Dende o momento que chegaron non pararon de facer actividades, entre elas o descenso en tirolina e unha busca do tesouro moi entretida. Aínda que tamén tiveron tempo para repoñer forzas.

Premendo na última das imaxes poderedes ir vendo nestes días as distintas imaxes que vos deixaremos na nosa galería. 

 

 
 

 

 

Feliz día das Letras Galegas

A fala.

O idioma é a chave

coa que abrimos o mundo:

o salouco máis feble,

o pesar máis profundo.



O idioma é a vida,

o coitelo da dor,

o murmurio do vento,

a palabra de amor.



O idioma é o tempo,

é a voz dos avós

e ese breve ronsel

que deixaremos nós.



O idioma é un herdo,

patrimonio do pobo,

maxicamente vello,

eternamente novo.



O idioma é a patria,

a esencia máis nosa,

a creación común

meirande e poderosa.



O idioma é a forza

que nos xungue e sostén.

¡Se perdemos a fala

non seremos ninguén!



O idioma é o amor,

o latexo, a verdade,

a fonte da que agroma

a máis forte irmandade.



Renunciar ao idioma

é ser mudo e morrer.

¡Precisamos a lingua

se queremos vencer!




Manuel María (2001). Obra poética completa I (1950-1979) (A Coruña: Espiral Maior)

 

Distribuir contido