Espectáculo da luz "Galiciencia"

Os alumnos da ESO, os seus titores e o profesor de Física acudiron este venres a un novo Espectáculo de Ciencia organizado dende o Parque Tecnolóxico de Galicia, e con motivo da celebración do décimo aniversario da Galiciencia.
Nesta ocasión o espectáculo versou sobre o tema da luz por ser este ano proclamado pola Organización das Nacións Unidas (ONU), como o Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías baseadas na Luz.
A charla estruturouse en dúas partes. Unha primeira centrada nas propiedades físicas da luz e na que lle falaron aos alumnos da natureza da mesma, como se comporta e a orixe de cores e os espectros de emisión e a outra parte onde vimos dende o funcionamento das lámpadas e os primeiros fluorescentes ata a fibra óptica e as tecnoloxías led que se ocultan nos televisores de última xeración.
Para ilustrar os contidos realizaron diversas experiencias como ver a través de materiais opacos, acender lámpadas de forma sen fíos, utilizaron láseres de gran potencia e descubrimos algún dos segredos da maxia da invisibilidade.
Tanto profesores como alumnos desfrutamos moito coa experiencia, como se pode ver nas seguintes fotos.