Feliz día das Letras Galegas

A fala.

O idioma é a chave

coa que abrimos o mundo:

o salouco máis feble,

o pesar máis profundo.



O idioma é a vida,

o coitelo da dor,

o murmurio do vento,

a palabra de amor.



O idioma é o tempo,

é a voz dos avós

e ese breve ronsel

que deixaremos nós.



O idioma é un herdo,

patrimonio do pobo,

maxicamente vello,

eternamente novo.



O idioma é a patria,

a esencia máis nosa,

a creación común

meirande e poderosa.



O idioma é a forza

que nos xungue e sostén.

¡Se perdemos a fala

non seremos ninguén!



O idioma é o amor,

o latexo, a verdade,

a fonte da que agroma

a máis forte irmandade.



Renunciar ao idioma

é ser mudo e morrer.

¡Precisamos a lingua

se queremos vencer!




Manuel María (2001). Obra poética completa I (1950-1979) (A Coruña: Espiral Maior)