Chus Pato
De Wiki Aller
Chus Pato é unha poeta nada en Ourense no ano 1955. Profesionalmente, ensina xeografía e historia na ensinanza secundaria. É unha das figura máis relevantes da poesía galega actual. Xunto con outras autoras, como María Xosé Queizán, é protagonista dunha corrente que buscou reconstruír a tradición literaria galega no ámbito da poesía. A obra de Chus Pato caracterízase pola súa radicalidade, o exercicio dunha experimentación demoledora dos discursos e lugares comúns herdados. A súa escritura está baseada na superación do concepto tradicional de poesía. Escrita en prosa, a súa poesía acolle, non só distintos tipos textuais, dende o estritamente biográfico ata o ensaio filosófico, senón que tamén unha polifonía de voces que inclúe unha pléiade de personaxes ficticios e reais que se manifestan en múltiples subxéneros.Tematicamente, Chus Pato asume o compromiso da literatura coas reivindicacións ideolóxicas, sendo o nacionalismo galego, a visión marxista da realidade e a conciencia de xénero algúns dos seus eixos temáticos máis habituais. Neste senso, a importancia da linguaxe como sistema de creación simbólica na sociedade contemporánea ten un papel destacado na súa reflexión crítica. Estilisticamente a súa escritura caraterízase por unha sintaxe sincopada e a referencia a mitos grecolatinos como ilustradores metafóricos da realidade máis inmediata.
O compromiso de Chus Pato coa realidade contemporánea lévaa a involucrarse de forma directa na vida política e cultural galega. Cabeza de lista habitual da Frente Popular Galega (partido político comunista e independentista) pola provincia de Ourense, Chus Pato pertence tamén a varias agrupacións tanto de índole literaria (o PEN Club) coma político-social (Redes Escarlata).