IES A Pinguela - Actividades extraescolares e complementarias - Noticias sobre actividades
 
 
 
  4 de Maio do 2018 - 34 visualizacións  
  CONFERENCIA: "PESCANDO XENES"  
 
O prestixioso investigador Ángel Carracedo estivo no noso instituto para impartir unha interesante conferencia ó alumnado de Bacharelato con Bioloxía que titulou "Pescando xenes" durante a que realizou un recorrido pola súa traxectoria como científico no campo da xenética e, xa que logo, tamén da evolución dunha rama da ciencia que leva feito e continúa a facer tan importantes avances para coñecer como funciona a vida, para unha medicina máis eficaz, para a ciencia e para a criminalística entre outros campos. A partir de hoxe, o salón de actos do centro levará o seu nome, motivo polo que ó remate da conferencia o doutor Carracedo descubriu unha placa conmemorativa.
Ángel Carracedo é catedrático de Medicina Legal da USC e experto internacional en xenética. Membro da Real Academia Galega de Ciencias, dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Centro Nacional de Xenotipado. Coordina o Grupo de Medicina Xenómica da USC e ademais é xefe de grupo do CIBERER (Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras) e Coordinador da área de Xenética e Bioloxía de Sistemas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Foi presidente da Sociedade Internacional de Xenética Forense e na actualidade é vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal.
Leva recibido o Premio Nacional de Xenética (na modalidade de xenética aplicada), está galardoado coa Medalla de Galicia, o Premio Rey Jaime I á Investigación Médica, a Medalla Castelao, a Medalla Adelaida (considerada o Nobel da Medicina Forense) e o Premio Fernández Latorre.
Para o IES A Pinguela foi un enorme honor acollelo nas súas aulas e poder ofrecerlle ós alumnADO a posibilidade de debater e intercambiar puntos de vista cun dos grandes da ciencia mundial.
 
 
IES A Pinguela
 
 
 
Ir á páxina principal da web Ir á sección de novas Ir á páxina de contacto Ver a oferta formativa do IES A Pinguela Ver a localización do IES A Pinguela