O IES A Pinguela ven de celebrar a conferencia inaugural do curso 2018/19 cunha comunicación do prestixioso xeólogo, catedrático emérito da Universidade da Coruña, don Juan Ramón Vidal Romaní, que titulou “La historia de Galicia contada por un río: el Sil”.
Durante o acto, o conferenciante fixo un recorrido pola configuración dos continentes durante as distintas épocas da Terra, pasando por Pangea e ata os nosos días. Resaltou que o que hoxe é Galicia e o norte de Portugal foi o primeiro que emerxeu das augas da península de Iberia e, polo tanto, os nosos ríos tamén serían dos máis antigos da península, sendo o Sil o gran cauce que recollía as augas desa zona emerxida e as canalizaba ata o mar desde hai desde o Terciario. Só no Cuaternario se forma o río Miño e se xuntan en Peares, polo que este sería o fillo ou neto do anterior. O río Sil e os seus canóns eleváronse á vez, xa encaixado na Ribeira Sacra, evitando as súas paredes que desbordase ata zoas máis baixas.
Centrou a conferencia en lugares coñecidos da xeografía galega como o pregue de Campodola no Caurel producido hai 350 millóns de anos, o Pico Sacro, as Dunas de Corrubedo, ou Cabo Ortegal, o vestixio da separación do noso continente de América hai 200 millóns de anos.
O profesor Vidal Romaní expuxo as diferentes épocas climáticas da Terra e os seus ciclos glaciais e interglaciais, defendendo que a suba dos mares é algo natural e que dentro de uns centos de anos volverá a descender, negando a existencia da época que se quere nomear como Antropoceno e a posibilidade de que a humanidade poda modificar o clima significativamente, poñendo como mostra antigos dólmenes actualmente baixo o nivel do mar, o mesmo que lle pasará a moitas edificacións costeiras da actualidade.
Juan Ramón Vidal Romaní está considerado o continuador da obra do eminente xeólogo Isidro Parga Pondal e o referente vivo da xeoloxía en Galicia, dous investigadores e divulgadores iconos desta área científica en España. É director do Instituto de Xeoloxía de Laxe da UDC, autor de máis de 100 libros propios e director de múltiples traballos universitarios de investigación. Membro desde 2015 da Real Academia Galega de Ciencias, e comparte o Nobel da Paz de 2007 como representante español no Panel Internacional sobre o Cambio Climático, que abandonou por discrepancias científicas. Segue a ser colaborador dos científicos da Nasa no estudio das posibilidades de vida extraterrestre nas covas graníticas de Marte.
|