IES A Pinguela - Actividades extraescolares e complementarias - Noticias sobre actividades
 
 
 
  22 de Xaneiro do 2020 - 28 visualizacións  
  José Palacios formou ó alumnado de 1º BAC en RCP e desfibrilación  
 
José Palacios Aguilar, doctor e profesor de Educación Física e Deportiva na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña e membro do seu Grupo de investigación en Actividades Acuáticas e Socorrismo, volveu ó IES A Pinguela para impartir unha moi interesante conferencia/taller de formación ó noso alumnado de 1º de Bacharelato Ciencias e Humanidades que titulou "RCP básica e desfibrilación". Alertou de que medio millón de persoas falecen en Europa ó ano por parada cardiorrespiratoria, e calcúlase de que cando menos 100.000 se salvarían se os cidadáns estivésemos formados en técnicas sinxelas de resucitación cardiopulmonar e houbese mais desfibriladores para atención de urxencias. Só en España son máis de 50.000 mortos ó ano por esa causa, como 3 Monfortes, e loubou ó noso instituto por ser un centro cardioprotexido desde hai anos, que da formación ó seu persoal e alumnado e ten medios para afrontar emerxencias, o que o fixo merecedor do "Sello Vida Saludable" do Ministerio de Educación. Despois de recordar os pasos a seguir en caso de alerta (recoñecemento precoz e pedir axuda, RCP precoz, desfibrilación precoz e coidados postrresucitación) fixo demostracións prácticas das manobras que se deben de realizar, fixo co alumnado prácticas de RCP “ó ritmo da Macarena” e realizou unha demostración do sinxelo que é a utilización dun desfibrilador para que todos os presentes podan afrontar unha emerxencia con seguridade. Ofreceu pautas que poden salvar vidas, e coñecementos que todos os cidadáns deberían dominar polo ben dos nosos achegados e conveciños. Para a próxima semana volverá para falar doutro tema importante e imprescindible, a prevención dos afogamentos. Organizou o noso departamento de Educación Física.
 
 
IES A Pinguela
 
 
 
Ir á páxina principal da web Ir á sección de novas Ir á páxina de contacto Ver a oferta formativa do IES A Pinguela Ver a localización do IES A Pinguela