IES A Pinguela - Oferta educativa - ESO
-----------------
 
INTRODUCIÓN

A educación secundaria obrigatoria é unha etapa educativa que ten carácter obrigatorio e gratuíto. A educación secundaria obrigatoria xunto coa educación primaria constitúen a educación básica.

A educación secundaria obrigatoria comprende catro cursos académicos, que se realizarán ordinariamente entre os doce e os dezaseis anos de idade.

O alumnado incorporarase, con carácter xeral, ao primeiro curso da educación secundaria obrigatoria, unha vez cursada a educación primaria, no ano natural en que cumpran os doce anos de idade.

O alumnado terá dereito, con carácter xeral, a permanecer escolarizado no réxime ordinario cursando esta etapa educativa ata os dezaoito anos cumpridos no ano en que remate o curso académico.

O alumnado maior de dezaoito anos que non obtivese o título de graduado en educación secundaria obrigatoria e non poida ou non desexe continuar escolarizado nun centro educativo no réxime ordinario poderá rematar os seus estudos polo réxime de ensinanzas para adultos. Poderá, así mesmo, incorporarse ás ensinanzas de adultos o alumnado que cumpra dezaoito anos no ano en que comece o curso académico ou, excepcionalmente, os maiores de dezaseis anos que teñan un contrato laboral que non lles permita acudir aos centros educativos en réxime ordinario ou sexan deportistas de alto rendemento.

A finalidade da educación secundaria obrigatoria é lograr que o alumnado adquira os elementos básicos da cultura, especialmente en aspectos humanístico, artístico, científico e tecnolóxico; desenvolver e consolidar hábitos de estudo e de traballo; preparalo para a súa incorporación a estudos posteriores e para a súa inserción laboral e formalo para o exercicio dos seus dereitos e obrigas na vida como cidadáns e cidadás.

 
 
Ir á páxina principal da web Ir á sección de novas Ir á páxina de contacto Ver a oferta formativa do IES A Pinguela Ver a localización do IES A Pinguela