![]()
A Arte Postal
|
a ARTE CORREO É: Unha tendencia artística que consiste en intercambiar mensaxes creativas utilizando o sistema postal, convencional ou electrónico. Neste tipo de comunicación sen fronteiras pode utilizarse calquera recurso como complemento gráfico (serve calquera obxecto da vida cotiá: imaxes de revistas, panfletos, anuncios publicitarios…) aínda que existen xa recursos específicos de gran plasticidade e de tradición: cuños de autor, selos propios, tarxetas postais… Creamos, comunicamos, difundimos e reciclamos.
as características máis importantes da rede de arte correo: É unha rede permanentemente cambiante e en constante expansión; a través dela comunícanse artistas e xentes de todas as idades e condición social. A participación nos eventos é aberta, gratuita e libre. Non hai censura, non hai selección, non hai xurados. Cadaquén é responsable da súa propia mensaxe.
Calquera pode convocar ós artistas cunha chamada a través da rede de arte correo. Elíxese un tema ou un lema, establécese unha data límite de recepción e, ás veces, o tipo de formato e dimensións das obras. Os convocantes comprométense a expoñer as obras e a remitir a cada participante toda a documentación que consideren oportuna sempre na medida das súas posibilidades económicas. Non debemos esquecer que este tipo de actividade supón custes económicos que son difíciles de asumir se non se recorre a algún tipo de financiación ou colaboración colectiva.
Se che interesa introducirte neste entramado plural, neste fluxo comunicativo que é a arte correo, podes botar man da base de datos que acompaña a nosa galería de imaxes. Ós poucos, irase enchendo o teu buzón de afectos libres e solidarios chegados dende todo o mundo. Tamén podes conectar a través de internet con calquera das web adicadas a mail art ou á poesía visual.
E, como non, tamén a arte correo é unha aula global de idiomas en pequenas doses. Predomina o inglés pero o galego e o castelán serven para estender a mensaxe a países con gran actividade postaleira (na propia península ibérica e tamén fóra dela (Arxentina, Brasil, Chile, México, EEUU…)).
as obras valen para difundir, non para comerciar. non hai regras, si valores.
|
![]()