Reforestemos 2013. Programa Voz Natura, estratexia ReC.
O xoves 7 de febreiro de 2013, e por segundo ano consecutivo, realizamos unha reforestación con árbores autóctonas (100 carballos e 23 castiñeiros) na parcela cedida polos nosos colaboradores da Comunidade de Montes en Man Común de San Miguel de Tabagón e Pías (O Rosal) e grazas á participación no Programa Voz Natura “BUSCA ALTERNATIVAS”. A finalidade é levar a cabo unha estratexia ReC, isto é, reducir e compensar a pegada ecolóxica, esas 657 toneladas de CO2 emitidas polo centro o curso pasado, ademais de crear un espazo de lecer.
Proxección do documental "A pegada ecolóxica do ser humano".
O mércores 6 de marzo de 2013, ás 16.30, proxectarase no Salón de actos do IES A Sangriña o documental A pegada ecolóxica do ser humano, dentro do Ciclo de cine medioambiental organizado polo Programa Comenius REGIO.
Imaxinemos que temos ante nós todo o que consumimos ao longo da vida. A cantidade de residuos xerados por ese consumo é brutal. Este documental analiza o consumo no mundo desenvolvido, desde o nacemento ata chegar a anciáns, a través dunha ilustración visual do impacto que supón cada persoa sobre o resto da poboación e do planeta.