Pergamiño Vindel

Principal ] [ Pergamiño Vindel ] Os dias das Letras Galegas ] Eduardo Blanco Amor ] Letras Galegas 1998 ] Letras Galegas 1999 ] Letras Galegas 2000 ] Letras Galegas 2001 ] Letras Galegas 2002 ] LETRAS GALEGAS 2003 ] Letras Galegas 2004 ] Letras Galegas 2005 ] Letras Galegas 2006 ]

horizontal rule

            

Vindel1.jpg (71393 bytes) vindel2.jpg (67591 bytes)

 

O pergamiño Vindel é o único documento musical con cancións profanas coñecido na actualidade da literatura galego-portuguesa medieval. O manuscrito contén o texto de sete cantigas de amigo atribuídas a Martín Códax, acompañado da música de seis delas. A primeira noticia da súa descuberta viu a luz en febreiro de 1914 na revista Arte Español. Posteriormente, o seu descubridor, o libreiro madrileño Pedro Vindel deu á luz en 1915 a primeira edición facsímile do conxunto do manuscrito, cunha tiraxe infíma -á penas dez exemplares- destinados sobre todo a ofertas de venda. O manuscrito foi adquirido polo musicólogo Rafael Mitjana, que tencionaba facer un estudio da música do mesmo, pero a súa morte en 1921 impediu a realización do proxecto. O manuscrito quedou na súa biblioteca de Upsalia (Suecia) onde residía a súa viúva, ata que foi vendido polos herdeiros. Adquirido polo bibliófilo profesional Otto Haas, foi posto á venda en Londres polo seu colega Albi Rosenthal e comprado pola Pierpoint Morgan Library de Nova York onde se conserva desde 1977 coa signatura M 979.

O pergamiño mide uns 34 cm. de altura e 45 de ancho. A dobra vertical que se encontra no medio do manuscrito, dános pé a pensar que se trata dunha "folla volante" morfolóxicamente distinta mais equivalente ós rolos dos que se fala habitualmente para as composicións soltas da lírica trobadoresca. .

Foi achado servindo de forro dun códice do século XIV que contén un "Cicerón, De Officiis", in-4ª , constituíndo o conxunto un volume encadernado da forma máis simple dentro das chamadas encadernacións monásticas.

Este pergamiño está escrito nun só lado e a cuatro columnas; a primeira contén 26 liñas, a segundas 24, a terciera 23 e a cuarta 17. A primeira columna contén cinco pentagramas con notas musicais, a segunda seis, a terceira outros seis, e a cuarta catro. Na escrita obsérvanse varias mans e foi feita a tinta negra, os pentagramas con tinta vermella, as iniciais de dous tamaños con tintas azuis e vermellas. A sexta canción só ten os pentagramas pero sen notación musical.

Polo tipo de letra e de notación musical, ambos moi próximos á das Cantigas de Santa María, podemos supor unha data de elaboración do pergamiño nas décadas finais do século XIII. A representación das palatais como "ll" e "nn" non nos determinan sequera unha zona xeográfica dentro da península, pois a introducción das grafías "lh" e "nh" na Chancelería portuguesa a partir de 1265-75 non se fixo senón de forma progresiva e lenta. Deste xeito, o pergamiño Vindel podería ter sido elaborado en Galicia -onde o aproxima a temática das cantigas- , pero tamén nas cortes de Portugal, León ou Castela, pois en todas estas cortes se trobaba en galego.

1

horizontal rule

Principal ] [ Pergamiño Vindel ] Os dias das Letras Galegas ] Eduardo Blanco Amor ] Letras Galegas 1998 ] Letras Galegas 1999 ] Letras Galegas 2000 ] Letras Galegas 2001 ] Letras Galegas 2002 ] LETRAS GALEGAS 2003 ] Letras Galegas 2004 ] Letras Galegas 2005 ] Letras Galegas 2006 ]

AnimadoComputer.gif (8557 bytes)

Realizado por  Afonso Vázquez Monxardín  e Vicente Santos no IES Aa Lagoas
Para cualquier consulta contactar a través del En Ourense a 19/02/06