A continuación tes información sobre:

 

Qué é a FP?

A formación profesional é un conxunto de accións formativas, durante un período máximo de dous anos, que te capacitan para o exercicio dunha profesión e te preparan para o acceso ao emprego.

A formación profesional ordénase segundo un grupo de ocupaciónsfamilias profesionais– que configuran un sector económico e concorren nunha mesma actividade produtiva (comunicación, imaxe e son; electricidade e electrónica; actividades marítimo-pesqueiras, sanidade,

etc.)..

Pola súa vez, as familias profesionais están constituídas por ciclos formativos. Cada ciclo formativo comprende un conxunto de módulos profesionais de formación teórica e práctica.

Actualmente existen 142 ciclos formativos organizados en 22 familias profesionais.

Os ciclos formativos poden ser de grao medio ou de grao superior, e a súa duración é variable, cun máximo de dous cursos académicos.

Tanto os de grao medio como os de grao superior inclúen un módulo de formación en centros de traballo (FCT), de duración comprendida entre tres e seis meses.

 

Como se organizan os ciclos formativos?

Os ciclos formativos organízanse internamente en módulos profesionais (materias) de formación teórico-práctica, cunha duración especificada en horas.

Tipos e finalidades dos módulos

Os ciclos formativos comprenden dúas facetas complementarias e diferentes: unha desenvolvida nos centros educativos (conxunto de módulos profesionais impartidos no centro) e outra desenvolvida nos centros de traballo, a través dos oportunos acordos de colaboración coas empresas (módulo de formación en centro de traballo).

a) Módulos impartidos no centro educativo. Tódolos ciclos formativos inclúen:

- Módulos de contido tecnolóxico-práctico. Son os propios de cada titulación e están relacionados coas competencias profesionais do perfil conectadas co correspondente título.


- Módulo profesional de formación e orientación laboral. Inclúe un bloque de contidos relacionado co coñecemento do respectivo sector produtivo na Comunidade Autónoma de Galicia. Contribúe ao coñecemento da lexislación laboral básica e das condicións de saúde e de risco de cada profesión, e ao favorecemento dos procesos de inserción laboral.


- Módulo de proxecto integrado. Este módulo, que poden incluír os ciclos formativos de grao superior que se imparten en Galicia, contribúe a comprender globalmente o resto de módulos impartidos no centro educativo; integra distintos coñecementos de organización, técnicas e procesos que se desenvolven nas diferentes actividades produtivas do sector correspondente ao título, e promove a adquisición de coñecementos, destrezas, habilidades e actitudes que favorezan o desenvolvemento da profesión para a que se forma o alumnado.


Ademais, tódolos ciclos contan cun número de horas para a libre disposición do centro educativos, que se utilizarán no primeiro ano para reforzar os módulos tecnolóxicos-prácticos.


b) Módulo de formación en centros de traballo.
É de carácter obrigatorio para tódolos ciclos formativos. Esta formación desenvólvese procurando aplicar as competencias profesionais adquiridas no centro educativo e complementalas no centro de traballo. Con carácter xeral, constitúe a derradeira fase da formación no ciclo.

Duración dos ciclos

A duración destes ciclos está comprendida entre 1.300 e 2.000 horas de formación, que se reparten entre o centro educativo e o centro de traballo.

Con carácter xeral, a formación no centro educativo é a primeira que se imparte, e posteriormente aplícanse os coñecementos adquiridos completándoos co desenvolvemento da formación no centro de traballo.

Existen catro tipos de ciclos segundo a súa duración:

·         Ciclos de 1.300 a 1.400 horas. Organízanse en catro trimestres, inclúen 960 horas impartidas no centro educativo durante os tres primeiros trimestres. Tralas vacacións de verán, desenvólvese o módulo de formación en centros de traballo, cunha duración de 340 a 440 horas.

·         Ciclos de 1.700 horas. Desenvólvense en cinco trimestres, teñen 960 horas de formación no centro escolar, que ocupan os tres primeiros, e unha formación en centros de traballo de 740 horas realizada tralas vacacións de verán, que dura dous trimestres.

·         Ciclos de 2.000 horas. Lévanse a cabo en 6 trimestres e ocupan dous cursos escolares completos. No primeiro curso (3 trimestres) impártese formación no centro escolar e durante o segundo curso existe unha dobre configuración:

·         Se o ciclo inclúe 380 horas de formación en centro de traballo, entón os dous primeiros trimestres son de formación escolar e o último de FCT.

·         Se o ciclo ten 710 horas de formación práctica en centros de traballo, o primeiro trimestre será de formación no centro educativo e os dous seguintes de FCT.

Avaliación
O profesorado avaliará, de xeito individual e en equipo, as aprendizaxes dos alumnos. Esta avaliación será continua e realizarase por módulos profesionais.

Este proceso de avaliación continua do alumno require a súa asistencia regular ás clases e ás actividades programadas para os distintos módulos profesionais.

Cada trimestre lectivo celebrarase unha sesión de avaliación parcial (avaliación parcial de módulos). En todo caso, antes do comezo do período de formación en centros de traballo realizarase unha sesión de avaliación, que condiciona o acceso ó modulo de FCT.

Unha vez finalizado o período de formación en centros de traballo, realizarase a avaliación final do ciclo formativo completo.

 

Como podo acceder?

Podes realizar o acceso ben directamente ou ben mediante unha proba, se non reúnes os requisitos do acceso directo. Ambos os accesos son incompatibles.

 

Ciclo Medio:e é a Formación Profesional?

- Acceso directo: cómpre teres o título de graduado/a en educación secundaria.

- Acceso mediante proba: podes concorrer, con carácter xeral, se cumpriches 17 anos ou se os cumpres no ano en que se realicen as probas.

 

Ciclo Superior:

- Acceso directo: cómpre dispores do título de bacharelato.

- Acceso mediante proba: podes acceder se tes 19 anos ou se os cumpres no ano de realización da proba, ou 18 anos se tes o título de técnico nun ciclo formativo pertencente á mesma opción que o ciclo superior que desexas cursar.

 

Que modalidades podo estudar?

Podes cursar ciclos formativos de forma presencial:

- Polo réxime ordinario, por curso completo.

- Polo réxime de persoas adultas, de xeito parcial por módulos.

 

Este curso e de forma experimental tamén comenzou a impartirse a Formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial:

                                                                                                                                                                

Condicións de acceso:

Poderá acceder quen teña cumpridos dezaoito anos ou os cumpra no ano natural en que comece o curso escolar. Excepcionalmente, a xefatura territorial que corresponda, logo de informe do Servizo Provincial de Inspección Educativa, poderalles autorizar o acceso ás persoas maiores de dezaseis anos que o soliciten e teñan un contrato laboral que lles impida acudir aos centros educativos polo réxime ordinario.

 

O prazo de presentación de solicitudes de admisión nesta modalidade de ensino será o establecido con carácter xeral para a modalidade presencial no réxime para as persoas adultas, nos centros autorizados.

 

As persoas que soliciten módulos profesionais polo réxime para as persoas adultas, na modalidade a distancia ou semipresencial, presentarán unha solicitude de admisión para cada ciclo formativo en cada centro autorizado para impartir estas ensinanzas, e relacionará por orde de preferencia os módulos profesionais que dexexe cursar.

 

O calendario escolar da formación profesional inicial nas modalidades a distancia e semipresencial será o mesmo que o establecido con carácter xeral para a formación profesional inicial na modalidade presencial.

 

O desenvolvemento dos módulos profesionais nesta modalidade organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo:

A asistencia ás titorías no centro educativo terá carácter voluntario para o alumnado, xa que a formación semipresencial ou a distancia é un modelo aberto e flexible en que o alumnado marca o seu ritmo de aprendizaxe en función das súas necesidades e a súa dispoñibilidade.

 

O alumnado deberá cursar o módulo de formación en centros de traballo ou solicitar a exención nas mesmas condicións que na modalidade presencial

 

Onde podo estudar?

Nos institutos de educación secundaria (IES) e nos centros integrados de formación profesional (CIFP).

Se o ciclo que vas cursar require desprazamento a outra localidade, podes solicitar praza nalgún dos Centros Residenciais Docentes (CREDO) que existen na Coruña, en Ourense e en Vigo.

 

Onde e cando podo facer a inscrición?

Podes reservar praza e matricularte nos centros educativos que ofrezan estudos de formación profesional. O período ordinario de inscrición vai xeralmente do 17 de xuño ao 2 de xullo e o extraordinario desde o 1 ao 12 de setembro.

 

Ao rematar, que titulación teño?

Cando conclúas un ciclo formativo podes obter estes títulos:

        Técnico/a da correspondente profesión, en caso de superares todos os módulos que integran o ciclo formativo de grao medio. No mundo laboral, acredítache unha cualificación de nivel 2 dentro da Unión Europea.

 

        Técnico/a superior da correspondente profesión, se os módulos que superaches integran un ciclo formativo de grao superior. A cualificación que che acredita no mundo laboral é a de nivel 3 dentro da Unión Europea.

 

E despois, que saídas teño?

Podes acceder directamente ao mercado laboral.

Saídas académicas:

- Co título de técnico/a podes acceder ao 1º curso de bacharelato.

- Co título de técnico/a superior podes acceder directamente ás ensinanzas universitarias coa nota media do expediente do ciclo e se precisas mellorar a nota pódeste presentar á fase específica das PAU