Presentación

 

     

     Presentamos  o 4º número de Autopías, o 2º con formato dixital.

     Este curso o tema anual estivo centrado nos bosques e as árbores. Nunca no centro houbera unha colaboración tan entusiasta por parte dos departamentos: linguas, tecnoloxía, plástica, matemáticas, bioloxía...O mesmo aconteceu coa colaboración do colexio de primaria.

     Unha exposición de excelentes fotos de árbores e flores de bosque autóctono do profesor Delio García do instituto de Ponteareas abriu o período de exposicións no vestíbulo. Ata o final do curso fóronse expoñendo os traballos do alumnado de primaria e secundaria.

     Fixéronse saídas aos bosques de Brión e outros lugares de Galicia (Fragas do Eume, por exemplo). Houbo unha mesa redonda con especialistas na biodiversidade e a historia dos bosques. Un invernadoiro xeodésico causou impresión na exposición dos traballos de tecnoloxía en Santiago.

     Como este ano estaba dedicado ao poeta punk Lois Pereiro, ¡que mellor que celebrar unha Festa das Letras na carballeira de Santa Minia!. Alí acudiu instituto en pleno.

     Queda aquí unha mostra de parte do noso traballo neste curso no que, por outra parte, tivemos que sufrir o recorte do profesorado e a consecuente masificación das aulas en detrimento dun ensino máis cualificado e personalizado.