Deseño e construción dun invernadoiro xeodésico

Accede á páxina do proxecto

O invernadoiro en "Tecnoloxía na rúa".

Os Departamentos de Tecnoloxía e Debuxo plantexaron ao seu alumnado de Tecnoloxía Industrial I e Debuxo Técnico I de 1º de Bacharelato a participación nun proxecto de deseño e construcción dun invernadoiro cunha estructura de cúpula xeodésica.


A través deste proxecto desenvolvéronse de modo teórico-práctico diferentes aspectos dos currículos destas materias. O alumnado tivo a oportunidade de enfrontarse á resolución de problemas reais no deseño e construcción dunha estructura modular de carácter arquitectónico. Aproximámonos de modo interdisciplinar a cuestións fundamentais para estas materias como son forma, función, materiais e procesos.


O Departamento de CCNN, Bioloxía e Xeoloxía colaborará nunha segunda fase do proxecto aproveitando as posibilidades que ofrece unha infraestructura como esta para o desenvolvemento das materias que imparte.
Propusémonos deseñar e construir un invernadoiro semiesférico cunha estructura reticular de madeira disposta a modo de cúpula xeodésica.


Partimos da idea dun deseño integral, na que forma, función, materiais e procesos constructivos, estén presentes en todas e cada unha das etapas do proxecto. Tratamos de presentar unha solución formal que relacionase a xeometría dos volumes cos materiais empregados para a súa construcción (fundamentalmente madeira e plástico).


Elaboramos planos xerais, planos de elementos e detalles constructivos, maquetas e modelos que axudasen a comprender as solucións aportadas, e finalmente construimos un prototipo a escala natural.


Foi necesario optimizar os procesos de corte, unión, etc. recurrindo a patróns e guías, para serializar a producción dos múltiples módulos que conformarán a estructura.


O alumnado tivo, ademáis, que documentar todo o proceso coa finalidade de facer unha memoria final que permitise explicar o traballo realizado en calquer foro.


Este proxecto enmárcase na liña de colaboración e desenvolvemento de proxectos que principiou o pasado curso escolar coa construcción dunha cociña solar de concentración con reflector parabólico, entre os Departamentos de Tecnoloxía, Debuxo e CCNN Bioloxía e Xeoloxía.


Este proxecto pretende ser, ademáis, unha achega á actividade anual de centro, que no presente curso xira ao redor dos bosques; tanto polas posibles aplicacións do invernadoiro, como polo principal material empregado: a madeira; pero sobre todo por ser exemplo dunha arquitectura eficiente, con custos de produción moi baixos, e pola inmellorable relación entre a cantidade de materia prima empregada e o volume construido. Este proxecto preséntase no contexto da actividade anual sobre os bosques como un exemplo de arquitectura respetuosa co medio ambiente, un modelo que aproximará ao noso alumnado á idea de sostenibilidade.