Mercedes Queixas sobre a desaparición dun xornal en galego

2/5/2013

"A recente desaparición do xornal diario impreso e gratuíto De Luns a Venres deixa a visibilidade do galego na prensa moito máis orfa. Cómpre preguntármonos, entón, polas razóns e neste contexto de crise endemoniadamente selectiva, á vista das informacións do último número do xornal, non semellan estas falaren en clave de cifras, pois, segundo se recolle no último número do diario, este pechou o ano 2012 como o xornal de maior crecemento da prensa de Galicia, segundo o Estudio General de Medios (EGM), cun 34,29% de suba, que lle permitiu acadar os 38.000 lectores. Mais de números si falarían no consello de administración de Galicia Proxectos de Comunicación, S.L, antes de decidiren trancar esta porta ao idioma, mais logo de lle outorgaren, no último día de 2012, desde a Xunta de Galicia, a nada desprezábel cantidade de 250.000 euros en concepto de axudas a medios de comunicación en galego. Velaí a mellor maneira de evitar unha próxima convocatoria oficial de apoio e reforzo da presenza real do noso idioma na prensa, quer por non existir suxeito activo que auxiliar quer por non llo conceder en exclusiva ao único xornal impreso ao que accedermos nos quiosques ou por subscrición, o semanario Sermos Galiza."

Fonte: Sermos Galiza


Newer Entry Blog Home Older Entry

greenGrass by jimmy