Páxina 2

O RONSEL             

         Este ano celebramos o día da árbore plantando sete castiñeiros, doados polo concello, na finca que está ao lado do instituto e na que está prevista unha ampliación do actual edificio. Neses días, os anteriores á Semana Santa, estaban con nós alumnos de Róterdam, San Doná de Piave (preto de Venecia) e illa Reunión (Francia). A idea era que participaran eles mesmos nesa plantación, pero finalmente non foi posible porque estaban a traballar no Programa Comenius que os reuniu aquí. Aínda así, os responsables do acto, os que estamos no grupo da Axenda 21 escolar de Galicia, decidimos “tirar para adiante” porque plantar unha árbore sempre é importante, é unha maneira de contribuír a un mundo mellor. Un mundo no que coidemos os recursos e no que, rodeados de tantas présas, estes sete castiñeiros nos din que hai que ter paciencia e aprender a esperar para ver os resultados do noso traballo e, ademais quen sabe, quizá dentro duns cantos anos ven por Barallobre unha rapaza preguntando por uns castiñeiros que seica se plantaron cando o seu pai estivo por aquí a conta dun Comenius.

DÍA DA ÁRBORE 2011