Parlamento Xove.

E, como na vez anterior, chega o día do debate. Esta vez tocaba Santiago, o propio Parlamento, onde os nosos políticos debaten cada día as decisións que nos afectan directamente aos cidadáns. Chegamos o venres, e despois de toda unha viaxe divertida, rexistrámonos no hotel e fomos cear. Foi unha noite para non esquecer, despois dunha cea agradable onde os cinco rimos moito e bromeamos, concentrámonos no hotel para dar as últimas pinceladas ao traballo e tratar de descansar para o día seguinte, que chegou case sen avisar.

    Erguémonos con tempo, quedaramos para ir almorzar todos xuntos, e Oliveira case acaba coa nosa paciencia, o que lle leva amañarse!!! María case lle fai o no da gravata e o aperta ben para que espertase; tíñanos a todos organizándolle o atavío.

    Xa ás nove estabamos no propio Parlamento e déronnos a benvida, e sen case decatarnos estabamos alí diante facendo unha foto co Alcalde e a Concelleira de Educación de Fene. Quen nos ía dicir o primeiro día de traballo que iamos estar alí e que tanta xente se movería por nós. Ata nos adoptou unha avoa postiza (grazas polas chocolatinas, abue!)

    Comezou a quenda de debates e quedamos no primeiro, pero iso non impediu que continuaramos saboreando a experiencia, estabamos no Parlamento, chegaramos ata alí a pesar de ser uns novatos no tema, e non podiamos desperdiciar esa oportunidade. Un membro do equipo si que estivo preocupado un tempo porque se botaba a culpa, inxustamente, de ter perdido. Isto era o mellor de todo, eramos un equipo e, se gañabamos, o mérito era de todos, e se perdiamos, a responsabilidade tamén era de todos, incluída María, como ela nos dicía.

    Mais non acaba aquí a historia, pois na entrega de premios a nosa sorpresa é que o mellor artigo dos blogs elaborados era o de Érika. Ao final, tanto esforzo tivo a súa recompensa. O camiño de volta á casa estivo cargado de plans, de novos proxectos e de ideas para o vindeiro ano. Este era o mellor premio, as ganas de intentalo de novo.

    E novas sorpresas o luns cando, despois de ser felicitados, chamáronnos de varios medios para contar a experiencia que viviramos todos eses meses. Non fomos conscientes ata ese momento da repercusión que tivera a nosa labor no entorno, e foi para nós un orgullo formar parte de ese grupo de “embaixadores do centro” tal e como nos definiu María.

    Esta experiencia marcará as nosas vidas, non só pola parte de éxito que a todo o mundo agrada, senón tamén pola madurez que nos proporcionou, polas experiencias compartidas, polas horas de traballo en equipo e fundamentalmente, polo modo tan san que tivemos de perder, porque na vida o importante non é cantas veces caes, senón cantas te levantas, e dende logo, nós, xa estamos en pé para a próxima.

ANÍMASTE?