Aquí tedes os dous artigos que se presentaron no blog do Parlamento Xove; dúas posturas distintas, dous modelos de ver a vida.

Cal escollerías ti?...

Unha sociedade estancada, inmobilista, sen obxectivos; este é o mundo que nos toca vivir.

A nivel mundial están a suceder acontecementos que marcarán a nosa historia: a primavera árabe, o 15M, o tsunami de Xapón, a crise económica mundial… un caldo de cultivo que determinará as nosas vidas e as dos nosos herdeiros. E toda esta efervescencia, en lugar de unirnos para construír un mundo mellor que o que temos, lévanos a estar “tirados” no “chaise longue” co mando a distancia da tele nunha man e o móbil na outra.

Non hai dúbida: as novas xeracións somos individualistas. Vivimos por e para nós mesmos e a sociedade non vacila en promover o noso egocentrismo. De feito aprendemos isto dende pequenos, na casa e na escola; foméntannos a aprendizaxe de conceptos e nocións, pero non nos falan da intelixencia emocional, non se transmiten valores nin aprendemos a empatizar coa sociedade. E como consecuencia de todo isto, medramos coa idea de que a competitividade é o valor que nos conduce a un exitoso futuro, deixando no camiño a pracer do traballo en equipo, feito con esforzo e sacrificio, pero baseado na cooperación e que conleva unhas satisfaccións que non se conseguen de xeito individual.

Por estes motivos, as relacións entre a xuventude nos últimos tempos cambiaron notablemente. As redes sociais mudaron o concepto de “amigos”: en lugar de quedar coa xente para facer actividades en grupo, pechámonos nos nosos cuartos para estar conectados case as vinte e catro horas. En definitiva, as relacións son cada vez máis frías e superficiais, o que Catherine Jarvie denomina “relacións de bolsillo”, é dicir, amizades que temos pero que non “usamos” habitualmente, só cando temos un problema ou precisamos a súa axuda as “sacamos do peto”, chamamos a ese amigo que necesitamos e despois esquecémonos del de novo, e se o vemos pola rúa, nin sequera o saudamos. Isto non é máis que outra manifestación desa actitude que estamos adoptando de preocuparnos exclusivamente do noso benestar.

Non o podemos negar, o individualismo é o motor da nosa xeración, o que domina a nosa actitude ante a vida, os nosos obxectivos, as nosas metas, … Mais isto só confirma que somos bos alumnos dunha sociedade que nos conduce maxistralmente a un mundo individual que recrea continuamente o mito narcisista e egocéntrico. Mais o futuro é incerto, por iso pregúntovos: amosarán as novas xeracións unha actitude que continúe o modelo que nós lle legaremos? Ábrense as apostas.

Érika Diz

Perdoa se te chamo individualista.