O amor. |
Coñecemos o amor como unha mestura de paixón, intimidade e compromiso, mais este sentimento é demasiado subxectivo, persoal e complexo como para universalizar as súas partes. Os libros están cheos de historias de amor que destacan, ben sexa polo seu grado de absurdo ou ben pola súa incrible forza, mais, como xurde o amor? Os principios básicos deste sentimento universal son claros pero á vez, confusos, aínda que por unha banda, o meu pensar é optimista, pois considero que non importa cando nin con quen, hai unha forma máis grande que une a dúas persoas. Sen embargo, non todo é tan bonito como semella pois, un mendigo cunha princesa?, rara imaxe que poidamos gravar nas nosas retinas. Pero sendo fiel ao meu optimismo, non creo que non poida ocorrer. Aínda que os prexuízos da sociedade e os bens materiais crean unha esquiva superficialidade que provocan unha estamentación do amor. Os compromisos e emparellamentos por conveniencia seguen vixentes e isto vese reflectido na actualidade, como exemplo máis claro podemos ter en conta a voda dunha coñecida muller, grande de España, que non se caracteriza por ser encantadora nin moi fermosa. O 60% da comunicación humana é non verbal, é dicir, pertence á linguaxe corporal, e un 30% pertence ao importantísimo ton de voz, isto supón que o 90% do que estamos a falar non procede da nosa boca. Deste xeito temos que ter en conta que factores como a timidez e o carácter introvertido dalgunhas persoas dificulta bastante as súas relacións e cando precisan expresarse, os mozos e mozas prefiren limitarse a abrir a xanela dun “chat” para sincerarse pois cústalles un mundo amosar os seus sentimentos cara a cara. Que foi de aquela xente que loitaba por un obxectivo claro e declarábanse a través de feitos, non só de palabras que hoxe en día quedan estancadas no limbo dun servidor. Como sabemos que a persoa que está ao outro lado da pantalla é de fiar? É coñecido por todos que para que exista amor, ten que haber primeiro sedución e os “chats” quítanlle mérito a este arte. Sinto o amor como algo libre, para nada censurable, por iso non debemos reducilo á mínima expresión, que importa como estean constituídos os matrimonios? Quen pode decidir que dous homes ou dúas mulleres non deben casar? Ben certo é que a tradición segue a existir na escuridade prexuiciosa e autoritaria, chea de prohibicións, ademais de caracterizarse por un corte vetusto e casposo. O amor que tantos momentos felices nos fai vivir, paradoxicamente, cando se extingue, golpéanos, nuns casos máis que noutros, mais nunca se esquece. Ás veces, o desamor conduce ao odio, que paralelamente coexiste co propio amor e isto fire, non fisicamente pero si de xeito profundo. O amor, como a vida, esgótase, mais habitan na nosa memoria lembranzas apaixonadas, porque, en definitiva, a vida non se mide polas veces que respiras, senón polas veces que che quitan o alento.
Daniel Leira 2º Bacharelato |
É o amor un sentimento eterno, ou pola contra ten data de caducidade? Saberías responder a esta pregunta? Pois dous alumnos do IES queren manifestar a súa opinión e veñen cargados de optimismo, ASÍ QUE PREPARÁDEVOS!!! |