Todo comeza na mocidade.

Din que o primeiro síntoma de senilidade aparece cando alguén expón a seguinte cita: “Calquera tempo pasado foi mellor”. E non podo estar máis de acordo, non co dito, senón co feito de que pensar de este xeito é propio da xente que se vai facendo maior, non por idade, senón pola actitude que presenta ante a vida..

 

Nós, as novas xeracións, estamos a ser demonizados continuamente pola sociedade en xeral, que nos describe como a mocidade sen metas nin obxectivos na vida, os que pensamos vivir dos nosos pais ata que podamos vivir dos nosos fillos. Mais non pode ser máis inxusta esta definición pois as circunstancias actuais abócannos a unha vida de fracasos, non hai máis que botar a vista ao mundo; estamos a vivir unha crise económica a nivel mundial moi grave e somos nós, os mozos, os máis prexudicados. As cifras de porcentaxes do paro xuvenil español son das máis altas de Europa. Isto lexitima a moita xente a falar da tópica xeración “ni-ni” , xuventude que nin estuda nin traballa nin amosa preocupación de ningún tipo. Mais esta afirmación carece de fundamento, pois a realidade confirma a tese contraria: temos metas na vida e traballamos duro para chegar a elas, aínda que as circunstancias non nos sexan favorables.

De feito, son as nosas ganas, a nosa forza, as que poñen en funcionamento o mundo. Pode semellar que todo vai por inercia, pero sempre é a xuventude a que inicia todos os movementos destacados ao longo da historia. Non temos que retrotraernos excesivamente na cronoloxía da humanidade para ver movementos liderados polos mozos. Simplemente na época contemporánea localizamos casos concretos do citado:  dende maio do 68, quizais un dos movementos máis importantes do século pasado, ata “a primavera árabe” atopámonos con revolucións creadas por mozos dispostos a reivindicarse para reclamar unha sociedade mellor. Quizais sexa a nosa actitude non conformista a que nos conduce a pedir unha e outra vez os cambios, porque loitamos non só polos nosos dereitos, senón polas melloras do mundo en xeral.

E para finalizar, queremos botar unha ollada ao noso entorno; que fixemos nós para merecer un mundo no que apenas temos opcións de atopar un emprego? Que faremos ao rematar os nosos estudos? Que futuro nos espera se a crise non remata proximamente? Como sempre, seremos os mozos os que teremos que acudir ao rescate da sociedade. Seremos os únicos que non consigan vivir mellor que os nosos proxenitores? Esta é a herdanza que nos deixan, pero saberemos saír adiante e afrontar a situación. Será só un pequeno anticipo do que somos capaces de facer, amosaremos unha capacidade para rexenerarnos despois dunha gran crise na que nos vemos somerxidos, demostrando así o noso poder nesta sociedade que nos ofrece máis dificultades que vantaxes.

Borja Martínez Pérez

IES Fene