Despedida.

  Non vou botar de menos este instituto, nin estas cadeiras, nin estas aulas, nin sequera aos profesores.

Tampouco vou sentir nostalxia do medo que nos infundiron con selectividade, con que na universidade non nos van tratar igual que no centro e que temos que madurar nalgún momento, vaia novidade! E, por suposto, sendo francos, non creo que vaia botar de menos á maioría de vós, a algúns querereinos sempre, a outros, gustarame atopalos na rúa (haberá xente á que continúe criticando cando alguén saque o tema) Pero, ... sen dúbida, nunca vos esquecerei.

Porque se somos sinceros, para ben ou para mal, este é un ano que nos marcou a todos. Polo estrés, as notas, as présas, a lentitude dalgúns profesores corrixindo (non quero dar nomes), as “broncas”, decepcións, ilusións, rezos católicos apostólicos antes de un exame... todas estas emocións que foron vividas por todos, sen excepción. Porque non importa que vaias ou non vaias con mentalidade de suspender un exame, chega o momento, poste nervioso e transpiras coma se estiveses realizando o exercicio físico máis duro. E nese momento pregúntaste: e se por este exame o estropeo todo? Pero xa estás dentro del e non hai solución posible. Así que tiras para adiante e estudas para o seguinte, ou non, xogas coa probabilidade, a ver se tes sorte. O pan de cada día foron eses constantes nervios que nos acompañaron durante nove meses practicamente interminables, mais, sabedes unha cousa? Pasaron voando!

             Esquecede agora o estrés dos exames dos venres, que estropean toda a semana e os dos luns, aos que ninguén vai ao cen por cen, pois aínda estamos poñéndonos ó día do sábado en Pontedeume, o día de lembrar as batallas, das risas, de contar os plans e as aventuras. Este ano non foi só para estudar, non enganemos a ninguén, a este ano  poñeríalle o título “O ano que non durmimos”, porque, a quen lle importa o exame do luns estando o sábado en Coliseo? Se fai falla, o domingo non pego ollo!!!

             Esquecédevos tamén das notas, dos deberes e deses libros que ninguén quixo ler, recordade só este ano por ser aquel en que construístedes unha amizade máis forte, porque aguantar a algunhas persoas en época de exames....É SER UN AMIGO!, por ser o curso en que decidíchedes por fin o que queriades chegar a ser (e se non é así, non é por metervos présa, pero xa vai sendo hora!)

En definitiva, este foi o ano onde compaxinar estudos e amizade e que nos dese o sol un pouco, parecía imposible, e, aínda así conseguimolo coa axuda especial dalgunha profesora e as súas clases ao aire libre.

Por iso vou quedar co bo, con que as ceas de clase hai que organizalas con tres meses de antelación, con que os exames si que se poden estudar o día antes, coas fotos de carné nas que saímos todos feos e cos bocadillos de tortilla sen tortilla, con que as excursións de fin de curso non existen e as correccións aos comentarios críticos tampouco; quedo coa xente que marcha do centro e aínda non sabe a que hora toca o timbre, marcho sabendo que aos da miña xeración nos prohibiron mercar paquetes de patacas fritas que trouxeran “pegatinas” porque nos gustaba “decorar” o chan do instituto.

            

Todos teredes as vosas propias lembranzas malas e boas de este curso e eu non podo citalas, así que se algunha vez ides revivila, procurade, sobre todo, saborear a vitoria de novo e tan só aqueles momentos que vos fagan recuperar a verdadeira e positiva esencia de segundo de bacharelato, que Santi non chama á túa porta dúas veces.

 

 

De un Anónim@ de Segundo de Bacharelato