O VERDADEIRO ÉXITO DE LUAR NA LUBRE É O TRABALLO DIARIO
Impresións dun home que vive con, por e para a música e a cultura galega.
Un dos compoñentes de Luar na Lubre, Bieito Romero, concedeulle unha entrevista a un dos nosos alumnos, Xano Chao. E aquí tedes as súas impresións, non só sobre a música, senón tamén, sobre a cultura en xeral e, o máis importante, sobre Galiza.
Xano: Para empezar, gustaríame saber como xurdiu o grupo. Bieito: o grupo xurde no ano 1986, despois dun cúmulo de casualidades, pero con unha idea clara que era a de traballar sobre a música galega porque naquel momento non había grandes propostas e entendiamos que este tipo de música tiña unha potencia interesante. A nosa idea foi traballar sobre a música tradicional, de raíz, inspirados no movemento da música celta e no movemento da música portuguesa. Luar na Lubre empezou como un proxecto “amateur” e posteriormente foi collendo forma, decatámonos de que funcionaba, en Galiza era un aspecto da cultura emerxente. A verdade é que foi saíndo para adiante este proxecto e máis alá do que nós pensabamos nun primeiro momento. Saíu o primeiro disco, e pouco a pouco, fixemos máis concertos e gravamos máis discos ata hoxe.
X: Que tipo de dificultades atopáchedes? B: Todo tipo de dificultades, porque traballar na cultura en Galiza é moi difícil. É un lugar onde non se aposta pola cultura, porque esta está subvencionada dunha maneira un pouco triste. Non hai os apoios que ten que haber, hainos pero sen crer no que estás apoiando. Cando apostas pola cultura, non podes resolver isto dicindo: douche catro concertos e buscas a vida. Trátase de que ti consolides un movemento que está xurdindo aí. A música galega acadou cotas de internacionalización moi importantes e non é gratuíto, hai un traballo detrás e o problema é que a cultura dende a política está moi pouco apoiada, porque non se cre nela, non hai unha plataforma cultural importante, así como noutros países a música, o teatro, a pintura, ... as artes teñen un apoio real. Aquí non sucede iso, todo é a base de subvencións e de axuda puntual pero iso non é suficiente. Atrancos todos, pero temos a sorte de que estamos nun lugar onde hai moita forza para facer as cousas e dentro de Luar na Lubre tamén hai un motor importante que fai que continúe. Dos contemporáneos que xurdiran cando nós comezamos, practicamente non queda ninguén, foron desaparecendo. Porque te cansas de traballar para nada, e nós estamos aí, pero é moi difícil, non é imposible, pero si complicado.
X: Cales son os éxitos que vos consolidaron como grupo? B: O éxito fundamental é o traballo, hai quen pensa que a nós nos caeron as cousas do ceo, ou porque Mike Oldfield aparece por ciencia infusa, pero non, son cousas que aparecen porque as buscaches. Porque por moito Mike Oldfield que che apareza, se ti non es capaz de defender o que este home dixo no seu momento: “este é un gran grupo” non podes continuar. Por iso creo que o gran éxito é a constancia, o traballo diario, crer no que estamos a facer, e despois golpes do azar, acenos do universo que son que aparece Mike Oldfiel, ou que teñamos disco de ouro consecutivo, ou que firmemos por unha compañía importante. Pero realmente eu non creo na sorte, é dicir, a sorte por que si non existe, a sorte existe porque ti estás aí. E o verdadeiro éxito de Luar na Lubre é o traballo diario.
X: Á hora de compoñer como vos amañades? B: Todo está moi ensamblado, son vinte e cinco anos e cada un sabemos por onde temos que ir. Na composición basicamente o que fago as cousas son eu, pero se alguén quere propoñer algo, hai un entendemento mutuo, hai unha especie de democracia no grupo que fai que cando eu teño que ceder, cedo, cando outro ten que ceder, cede, cando eu teño que dar, dou, cando o outro ten que dar, da ... Todo isto son engrenaxes, e fai que as cousas funcionen e ese bo funcionamento que temos é o noso motor. Por exemplo, agora temos nova cantante e comezou en novembro, e a estas alturas (abril) xa temos un disco; isto é impensable, e probablemente é un dos mellores discos que temos, e non é unha impresión subxectiva. E isto sucede porque hai moi boa enerxía.
X: É evidente entón que foron cambiando moito os membros do grupo. B: Si, da formación inicial quedamos dous, pasarían unhas dezaoito persoas polo grupo, pero a formación actual que está establecida dende o ano 1999 a excepción das cantantes, é a mesma, polo tanto son máis de doce anos en que o grupo é moi estable, porque esta continuidade case non a ten ninguén; téñena os Rolling ou formacións similares, porque aínda que non se falen entre eles, hai un mercado detrás e por iso son estables.
|
O recuncho musical |