Quen dirixe o instituto? Pois a dirección, claro. Así que non podía faltar na revista.
AQUELES MARABILLOSOS ANOS… NO IES DE FENE
Curso 90-91. Grupo de COU de letras mixtas. Volven á cabeza mil e un recordos daqueles tempos . Os compañeiros de clase, os profesores, o IES de Fene… Eu fun unha da multitude de alumnas que pasaron polo instituto ao longo das case tres décadas de existencia. Cando volves a vista atrás recordas a persoas coas que compartiches unha morea de horas ao longo de catro cursos, naquel entón tres de bacharelato e un de COU, e, pouco a pouco, recordas pequenas cousas que quedaron gravadas na túa mente como parte da túa historia persoal e, por que non? como parte da historia do IES de Fene. Dos profes lembro, por exemplo, algún pequeno detalle que definía a cada un deles. Vexamos. Con Lula, se tiñas dúas faltas de ortografía no exame, cargabas. Con Ramón , o de historia, non se facían exames de “chapatoria”. Había que saber interpretar pirámides de poboación e esas cousas . O máis temido, polo menos por min, era Paco o de filosofía. Aprobar era unha auténtica fazaña. Nunha ocasión presentáronse dous compañeiros un chisco “encogorzados” a facer o exame e… sorpresa! Sacan notable no exame de lóxica preposicional mentres o resto da clase apandamos. Volve tamén un sorriso á miña face cando lembro aquel Entroido no que gañamos un premio por ir vestidos da familia Simpson que, naquel entón, arrasaban e eran novidade mundial. O premio fora unhas entradas para ir a ver un concerto de Los limones. Pregúntanme por aí se daquela se copiaba. Pois claro que si! Aínda que eu non era moi experta. Lembro unha vez en 2º de BUP que tiña todas as fórmulas de física anotadas nun papeliño camuflado no peto dun estoxo vaqueiro . Cando chegou o momento de botar man delas púxenme igual ca un tomate ata o punto de achegárseme o profesor para ver se me atopaba ben. Total, non fun quen de utilizar as benditas formuliñas. Outra vez, nun exame de filosofía en 3º de BUP, cando rematei o exame comprobei con estupor que toda a lección estaba escrita na mesa. Conste que non era miña pero ben que me apurei a tapala para que o profe non a vira. Non fora pensar que copiara. Daquel grupo de rapaces e rapazas saíron concelleiros, alcaldes, avogados, camioneiros, dependentes, asistentes sociais, enxeñeiros, filólogos, periodistas, electricistas, modelos, pais e nais de familia, etc. Outros non tiveron tanta sorte e xa non están. Morreron nalgún accidente de tráfico, dalgunha enfermidade ou polas drogas. Cada un de nós desenvolveu o seu proxecto vital como quixo ou como as circunstancias lle permitiron . Curso 2011-2012. O edificio segue a ser o mesmo. Algunhas das persoas tamén: Lourdes, Roberto, Lula, Ramón…. Non obstante, ao longo destes vinte anos pasaron polo centro centos, quizais miles de alumnos , cada un coa súa historia peculiar, cada un vivindo ese cachiño de vida no que se pasa de ser un rapaz a ser un adulto, cada un coas súas ilusións ou desesperanzas por abordar un futuro incerto que se iría labrando ao longo dos anos. Cando eu abandonei o centro, naquel verán de 1991, pola miña mente non pasaba ser directora do mesmo dúas décadas despois. Quería dedicarme á docencia, iso si, pero eu ía para mestra de educación infantil. Cousas da vida, tras estudar maxisterio veu psicopedagoxía e logo as oposicións a orientación. E así, como quen non quere a cousa, xa vai para catorce anos que estou vencellada a este mundiño .
|
Editorial |