Dúas décadas dan para moito e aquel futuro, que semellaba incerto, é hoxe unha realidade. Afortunadamente, aínda sigo tendo un futuro incerto porque estancarse no presente sería non pertencer ao mundo dos vivos. Se comparo as vivencias daquel entón coas de hoxe vexo dúas perspectivas moi distintas. A de alumna, preocupada por sacar adiante os estudos pero tamén vivindo unha adolescencia que xa nunca se repetirá. Naquel entón o IES de Fene era un lugar onde facer amigos, onde estudar, onde ligar, facer algunha trasnada… A de hoxe en día é a perspectiva da dirección. Aquela que mentres es rapaza non ves pero que agora, desde o outro bando, se percibe como unha realidade moito máis complexa. O centro xa non é un lugar onde eu vou a estudar e os profesores van a dar clase senón que se transforma nunha organización de case cincocentas persoas. E esa organización ten que funcionar, todo ten que cadrar. Hai que facer horarios, reparar danos, establecer canles de comunicación e organización entre as persoas, ocuparse das zonas verdes, de que funcione o sistema informático , de xestionar a burocracia e un millón de cousas máis. Afortunadamente, esta inmensa organización leva moitos anos funcionando e o camiño xa está máis que andado aínda que sempre pode xurdir algún imprevisto. Afortunadamente tamén, a xestión non depende dunha única persoa senón de tódolos que traballamos no IES de Fene, cada un dende a súa parcela. O IES de Fene é o mesmo agora que hai vinte anos pero as persoas non. Algunhas aínda permanecen pero a nosa materia prima, os alumnos, foron cambiando. Se as paredes falasen poderían contar mil e unha historias dos rapaces e rapazas que por aquí pasaron e, sen dúbida, todos e cada unha deles terán algo que contar do IES de Fene porque, queirámolo ou non, xa forma parte da historia persoal de cada un de nós, alumnos e profesores. Susana Pita, directora do IES de Fene
|
Foto histórica do curso 90-91 |
Editorial |