O amor.

            

Existen temas que estiveron presentes na sociedade dende que esta existe; na literatura, no arte, nas noticias hai cuestións das que non nos podemos esconder, aínda que algúns o intentaran. Outros, en cambio, malgastan o seu tempo en investigar, buscar teorías ou explicacións a estes temas como son a morte ou o amor.

           Falo de malgastar tempo, non porque ditos asuntos carezan de importancia, senón porque son, probablemente, os máis complexos aos que nos poidamos enfrontar e dificilmente chegaremos a unha conclusión definitiva. Tal vez esta dificultade proveña da intervención dos sentimentos, que non nos deixan aproximarnos a estes asuntos de modo obxectivo. Quen comprende o amor antes de vivilo? Non podemos analizalo se non o coñecemos, e, se o facemos, non estaremos tratando “o amor” en xeral, se non o noso caso en particular.

           E quen comprende o que é o desamor? Podemos criticalo e burlarnos das actitudes que provoca, que poden chegar a ser totalmente irracionais, pero pedir a alguén que viven un desengano, que deixe de sufrir, é como pedir a alguén que deixe de fumar, pódenos parecer moi sinxelo dende fora, pero non o é tanto para o que o experimenta.

           Por que, entón, non comparar o amor con unha droga máis? Efectos secundarios ten abondo, tanto os tráxicos provocados polo desamor que antes tratamos, como os máis positivos, a vitalidade e a ilusión que pode aportar. E, ademais, o amor é aditivo, de aí que nos custe tanto desprendernos del, e, por si fora pouco, os seus efectos son máis rápidos que os de calquera outra substancia. Unha persoa que bebe alcohol un día non se converte en alcohólico, pero pobre daquel que se emborrache de amor unha noite (aínda que sexa a primeira vista) e teña a intención de estar curado á mañá seguinte. A pesar de todo isto, o amor segue a ser a única droga legal nos nosos tempos, aproveitemos antes de que a prohíban!

           Tal vez, vendo todos estes riscos que provoca, moitos non se atrevan a somerxerse neste mundo do amor pero, cada historia e un planeta novo e nunca sabemos o que vai pasar; nunca o saberemos se non o probamos. Pode que moita xente viva acomodada nas súas vidas, nas súas rutinas, medianamente felices e sendo conformistas e non se atreverían a marcharse a un país lonxano, exótico, descoñecido, cheo de perigos dos que nunca tiveches que preocuparte, pero con grandes aventuras e segredos que ofrecer. Tranquilos, nunca teredes que tomar a decisión de subir ou non a un avión que vos leve a un incerto destino: ninguén escolle cando nin de quen se namora.

           E así, sen querelo, repentinamente, toleamos por alguén do mesmo xeito inconsciente que comezamos a respirar nada máis nacer. Non podemos evitalo, nin tampouco que remate nalgún momento. A inmunidade funciona cada vez mellor no campo da medicina, e algúns pretenden aplicala ao amor; buscan non sufrir, cóbrense cun escudo que distancie todo síntoma de tristura. Aceptariamos unha vacina contra o amor? Eu teño claro que non!

           Todo este debate dos pros e dos contras de este sentimento universal non é novo. Sempre existiu e, segundo as leis da evolución, sobreviven os máis fortes; será que dita emoción ten valor suficiente para resistir a través de tantas traxedias, guerras e demais obstáculos que atravesou a nosa especie. Pero co tempo, o amor soubo adaptarse, das cartas ao teléfono, ao móbil, ao email e, así, ata quedar condensado nos 140 carácteres dunha mensaxe no twiter, mais, iso si, mantendo sempre a súa esencia máis pura.

A pesar de todo o que nos podamos cuestionar sobre o amor, vendo o que consegue en nós e do que nos fai capaces, creo que todos os científicos anteriores atopábanse nun erro: nin a lei da gravidade, nin electromagnética, nin a Teoría do átomo, a forza máis grande do mundo é o amor.

Érika Diz

2º Bacharelato