Parlamento Xove.

CRÓNICA DUN DEBATE ANUNCIADO. IMPRESIÓNS DUN GRAN EQUIPO.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Despois de pasar as vacacións de Nadal e todo o mes de xaneiro pechados no instituto chegou o día en que nos anunciaron que o 11 de febreiro tería lugar a xornada clasificatoria do Parlamento Xove.

    Como o soubemos tan só unha semana antes puxémonos histéricos e convertemos o centro na nosa casa. Foron uns días duros porque non contabamos con debater tan pronto pero, ao mesmo tempo, a experiencia resultou tremendamente divertida. Ao lado do traballo duro e das horas empregadas en preparar as nosas intervencións o mellor posible, estaban tamén os momentos cómplices de risas, bromas e ledicias. Chegabamos ao centro aínda de noite e marchabamos de noite.

    Case sen decatarnos chegou o venres 10 de febreiro e atopounos preparando a maleta para ir ao pazo de Mariñán. Sobre as seis da tarde chegamos alí, onde nos recibiron e nos indicaron cales eran as nosas habitacións. A continuación asistimos a unha reunión onde nos atopamos por primeira vez cos demais equipos e realizouse o sorteo para saber con que equipos teriamos que competir. Tivemos sorte e o noso primeiro debate sería contra o IES Saturnino Montojo, que eran novatos coma nós e ademais xa coñecíamos a algúns dos compoñentes. O resto dos grupos eran unha novidade para nós pero algúns tiñan sona de ser veteranos nesta competición e parecíanos que non ía ser nada fácil, e realmente, non o foi. De feito, un dos nosos equipos contrincantes era o do IES Laxeiro, que xa gañara noutras edicións e supoñía todo un reto para nós.

    Erguémonos ao día seguinte bastante nerviosos e inquedos por ver como ía transcorrer a xornada. A profe dicíanos que non pasaba nada, que íamos disfrutar da experiencia pero non disimulaba tan ben coma nós o seu nerviosismo.

    Por fin chegamos ao parlamento da Deputación e comezamos o noso primeiro debate, onde nos tocou defender que a xuventude hoxe en día é moi individualista; difícil argumentación despois de demostrar co noso traballo o participativos que somos. Oliveira e Érika defenderon esta postura mentres Sara e Borja facían as preguntas oportunas e María colaboraba con nós enviándonos “anotacións” tanto de valiosa información coma de ánimo. O conxunto de todo isto fixo que gañásemos ese primeiro debate. Aínda non pasara unha hora cando nos tocou enfrontarnos ao Laxeiro. Esta vez defendemos a idea da xuventude participativa; aínda que nos encontrabamos máis cómodos con esta postura, o debate resultou máis complicado porque os veteranos xa sabían como xogar as súas cartas.Cando María veu de reunirse cos xuíces estaba moi contenta porque as puntuacións estiveran moi igualadas, aínda que daba o debate por perdido. Sen embargo, contra todo prognóstico, gañamos e María toleou de repente e comezou a dar saltos de alegría. A verdade é que a todos nos sorprendeu o resultado e sentimos que xa eramos gañadores aínda que non pasaramos á final.

    Despois de comer quedaba o último debate; estabamos algo cansos e Oliveira incluso un chisco mareado polo que non prometía moito aquel enfrontamento. Aínda por enriba nos tocou a postura máis complicada, a individualista. E unha vez máis, gañamos. Pódese dicir que se trataba de un “hattrick” en toda regra.

    Pero aínda non era seguro que pasaramos á final porque outro equipo podería ter máis puntuación ca nós. Ás 8 da tarde, e en rigorosa cerimonia, un antigo gañador europeo de debate comunicou os 4 finalistas e, quen foi o 3º? Si, o que vós pensades, o IES de Fene. Non dabamos creto, estabamos clasificados!!!

 

    Ao final tanto esforzo merecera a pena e tal e como dixo Borja no camiño de volta a casa, “Formamos un gran equipo”.