Parlamento Xove.

O Equipo, co Alcalde e a Concelleira de Educación de Fene

 

XORNADA FINAL

 

Despois da doce “resaca” que nos provocou a “pequena” vitoria, a preparación do segundo debate comezou unhas dúas semanas despois de pasar a xornada clasificatoria, cando comunicaron o segundo tema que había que preparar: Actúa a xuventude na actualidade consonte aos seus valores en favor do coidado do medio ambiente?

    Case choramos cando nos enteramos, non nos gustaba nada o tema proposto, semellaba que daba pouco xogo para debater. María dicía que iso era porque xa estabamos afeitos ao outro tema pero este tamén daba lugar á controversia. E fose como fose, a verdade é que de seguida nos puxemos a traballar. E cal foi a nosa sorpresa, cando nos decatamos que todas as horas empregadas en preparar a xornada clasificatoria, servíronnos para organizarnos eficaz e eficientemente. Todos tiñamos un papel asignado e unha tarefa concreta e o equipo púxose a funcionar de novo.

    A verdade era que xa tiñamos ganas de volver a quedar polas tardes a traballar, e a compartir bos momentos de vez en cando. Era xa case unha necesidade, estabamos tol@s!!!

    Mais esta vez todo foi máis complicado, os exames de Borja e Érika impedían que puidese quedar todo o grupo á vez, e cando eles acabaron, empezaron os de Sara e Oliveira. Non había maneira de poñernos de acordo: a única incondicional era María, que se adaptaba a todos os nosos horarios.

    De todos os xeitos, a experiencia resultou enriquecedora ao cen por cen. Aprendemos a organizarnos, a xestionar todo tipo de información e a ordenala posteriormente, convivimos moitas horas e adquirimos unha disciplina de traballo e un compromiso de grupo, e o máis importante, traballamos coa mesma intensidade coma se tivésemos oportunidades de gañar, porque no fondo todos sabiamos que os nosos competidores eran uns expertos na materia e nós, simplemente, uns afeccionados. Mais isto era parte do noso encanto, a naturalidade, a espontaneidade e a ausencia dunha competitividade agresiva: a idea de gañar non nos desgustaba nadiña, pero o feito de perder non provocou que diminuíse a nosa ilusión e que nos arrepentiramos nalgún momento de ter pasado tantas horas preparando este traballo, ao contrario, Érika comentou ao final que se dende o principio lle dixeran que o concurso xa estaba perdido, prepararía o traballo coa mesma ilusión coa que o fixo todos estes meses.