Pagina nueva 2

Conta a lenda india que un home transportaba auga tódolos días á súa aldea
usando dúas grandes olas, suxeitas nas extremidades dun pao de madeira que
colocaba atravesado sobre as súas costas. Unha das olas era máis vella que a
outra, e tiña pequenas fendas; cada vez que o home recorría o camiño ata a súa
casa, a metade da auga perdíase. Durante dous anos o home fixo o mesmo traxecto.
A ola máis nova estaba sempre moi orgullosa do seu labor, e tiña a seguridade de
que estaba á altura da misión para a que fora creada, mentres que a outra morría
de vergoña por cumprir a penas a metade da súa tarefa, aínda sabendo que aquelas
fendas eran o froito de moito tempo de traballo.
Estaba tan avergonzada que un día, mentres o home se preparaba para sacar auga
do pozo, decidiu falar con el: -Quero pedirche desculpas xa que, debido ao meu
longo uso, só consegues entregar a metade da miña carga, e saciar a metade da
sede que espera na túa casa. O home sorriu e díxolle:
-Cando regresemos, por favor observa coidadosamente o camiño.
Así o fixo. E a ola notou que, polo lado onde ela ía, medraban moitas flores e
plantas. -¿Ves como a natureza é máis fermosa no lado que ti percorres?-
comentou o home-. Sempre souben que ti tiñas fendas, e resolvín aproveitar este
feito. Sementei hortalizas, flores e legumes, e ti regáchelas sempre. Xa
recollín moitas rosas para adornar a miña casa, alimentei aos meus fillos con
leituga, col e cebolas. Se ti non foras como es, ¿cómo podería telo feito?
«Todos nos, nalgún intre, envellecemos e pasamos a ter outras calidades. É
sempre posible aproveitar cada unha destas novas calidades para obter un bo
resultado.»
|