 |
A aboa
contáballe asombrosos contos ó neno do que coidaba e este sempre se
mostraba encantado coas historias que lle contaba
- Cóntame un conto moi raro, aboa
– solicitou nunha ocasión, como era costume-. Anda, cóntamo.
Ela era moi agarimosa e
ninguén sabía de onde sacaba os seus contos, pero eran realmente
especiais. Colleu o neno no colo e comezou a
relatarlle unha historia máis.
Trataba dunha cidade que
nunca existira e onde vivían tres fermosas princesas, das que dúas non
naceran e a terceira non fora concibida. Cando os parentes das tres
fermosas princesas morreron, estas decidiron partir para terras
afastadas . Era un viaxe moi longo e penoso. Ao cruzar as ardentes areas do deserto,
a calor resultaba tan
sufocante que estiveron a punto de desmaiarse polo fogo que dende as
areas queimaba os seus pés primorosos. Extenuadas, refuxiáronse á sombra
de tres árbores, das que dúas non existían e unha nunca fora plantada.
Alimentáronse dos froitos das árbores e repousaron aproveitando a súa
sombra amable e reconfortante. Despois seguiron a viaxe. Despois dun
tempo alcanzaron a beira dos tres ríos, dos que dous estaban secos e o
terceiro nunca tivera unha soa pinga de auga. As tres beberon das súas
augas e bañaron os seus corpos de nácara. Volveron a poñerse en marcha e
andaron ata chegar a unha espléndida cidade que aínda non fora
edificada. Camiñaron alborozadas polas rúas e chegaron a tres pazos, dos
que dous aínda non foran proxectados e un terceiro carecía de muros.
Felices, as tres princesas entraron nos pazos e nunha das fastosas
estancias atoparon tres pratos dourados, dos que dous estaban rotos e o
terceiro estaba feito anacos. Foi o terceiro prato o elixido para
servirse a comida que ían a prepararse: ían a cociñarse noventa e nove
menos cen graos de arroz. Unha vez preparada a comida invitaron a tres
ascetas, dos que dous non tiñan corpo e o terceiro non tiña boca. Cando
os tres ascetas acabaron de degustar a saborosa comida, as princesas
comeron o resto. Ascetas e princesas estaban moi satisfeitos co
suculento banquete.
Cando rematou o conto, que o
neno seguiu con atención e entusiasmo, dixo a anciá:
- Pequerrecho, nunca esquezas esta
historia cando sexas un home, así saberás comprender a vida, que é como
un soño ao que nunca deberías permitir que che
roube a paz interior.
|