De Portugal procede esta historia que nos ensina moito
respecto a aquelo que escollemos sen pensar: Un día, un becerro tivo que
atravesar un bosque virxe para volver ao pasto. Sendo animal irracional, seguiu
un camiño tortuoso, cheo de curvas, subindo e baixando outeiros. Ao día seguinte,
un can que pasaba por alí usou ese mesmo camiño para atravesar o bosque. Despois
foi un carneiro, líder dun rabaño, que, vendo o espacio xa aberto, fixo aos compañeiros seguir por alí. Máis tarde, os homes comezaron a usar ese sendeiro:
entraban e saían, xiraban á dereita, á esquerda, descendían, desviábanse de
obstáculos, queixándose e maldicindo, con toda razón. Pero non facían nada para
crear unha nova alternativa.
Despois de tanto uso, o sendeiro acabou convertido nun
amplo camiño onde os pobres animais cansaban baixo pesadas cargas, obrigados a percorrer
en tres horas unha distancia que podería ter sido vencida en trinta minutos, se
non tiveran seguido a vía aberta polo becerro. Pasaron moitos anos e
o camiño converteuse nunha rúa principal dun poboado e, posteriormente, na
avenida principal dunha cidade. Todos se queixaban, porque o traxecto era o pior posible.
Mentres tanto, o vello e sabio bosque ríase, ao ver
que os seres humanos teñen a tendencia a
seguir como cegos o camiño que xa está aberto, sen preguntarse nunca se aquela é
a mellor elección.
|