Pagina nueva 1

Aquela tarde Hassam camiñaba comigo á
beira do mar. Conteille das miñas faltas, as miñas vacilacións, as miñas dúbidas,
dos meus desatinos e das miñas esperanzas. El escoitaba sen dicir palabra nin
esbozar ningún xesto, coma se eu estivese a falar solo.
Impaciente, pretendía protestarlle pola súa indiferenza, cando el colocou os
seus dedos sobre os meus labios pedíndome silencio e dixo:
-Nós os humanos padecemos dun grande mal, perdemos moito tempo removendo os
nosos problemas, e esquecemos canalizar esa enerxía desperdiciada na realización
dos nosos obxectivos.
-Moitos de nós pasamos horas e horas recordando problemas, rumiando desilusións,
cultivando sufrimentos, que non merecen ser recordados, son infelicidades que
deberían ser enterradas no pasado para que non tomen na nosa mente o lugar de
novos proxectos, novos soños e novas realizacións.
Nese momento Hassam deume un mazo de follas unidas por unha corda, co dedo
índice coma se estivese a ler, dividiu o volume en dúas partes e dixo:
-Fillo, vai á montaña. Que a túa compaña sexa o murmurio dos ríos, o canto dos
paxaros e os pasos da gacela. Que no teu descanso teñas por cama o pasto fresco
e como cobixo as follas das árbores. Non permitas que a túa meditación sexa
interrompida, a non ser que o faga, por algúns instantes o voo bulicioso
dalgunha bolboreta.
-Alí fai unha revisión completa da túa vida e anota na primeira parte do libro
tódalas cousas boas que xa tes. Na segunda parte anota as cousas malas.
Faite de conta que Deus che xulgará de acordo coas anotacións que fagas da túa
vida, sexan elas boas ou non.
-Ao descender da montaña procura vivir a vida intensamente, e se as follas que
che di son insuficientes, decataraste fillo, que para ampliar o teu merecemento
e anotar un novo xesto de bondade, terás que borrar algunha falta. A medida que
o teu libro vaia sendo reescribido coas túas boas realizacións, terán que ser
borradas as anotacións de desilusións, de lapsos de infelicidade... Cada boa
acción pasará a ocupar o espazo dun mal comportamento, que deberá ser totalmente
esquecido.
Hassam miroume con tenrura e recomendoume:
-¡Vai, que o alto da montaña espera por tí!
|