Ética
Cuarto curso da ESO

Introducción.

A educación ten como un dos seus fins esenciais o pleno desenvolvemento da personalidade humana do alumnado, incluída a súa formación moral, de modo que o proceso e a acción educativa lles permita ir asumindo, de xeito crítico, reflexivo e progresivo o exercicio auténtico da liberdade, dos seus dereitos e dos seus deberes individuais e sociais nun clima de respecto e de tolerancia positiva cara a outras posturas morais, políticas e relixiosas diferentes ás da súa cultura orixinal.
Nesa mesma liña dise no dictame sobre o ensino das humanidades no ensino secundario que a educación moral é inherente a tódalas áreas de coñecemento e é unha tarefa encomendada a toda a comunidade educativa. Sen prexuízo de valorar positivamente que a acción de toda a comunidade educativa é tamén de carácter moral, é necesario advertir que a reflexión ética, de carácter estrictamente filosófico, é indispensable na educación moral transmitida ó longo de todo o ensino secundario.
A filosofía moral achega especificamente unha reflexión profunda e crítica sobre os fundamentos da vida moral, da acción política e da Lei xurídica e todo iso permite axudar de modo importante ó alumnado para a construcción dunha conciencia moral e cívica acorde coas sociedades democráticas, plurais, complexas e cambiantes nas que vivimos.
A ética constitúe unha materia propia, autónoma, de carácter filosófico, situada netamente fóra do ámbito da área das ciencias sociais, aínda que en permanente contacto e diálogo coas súas contribucións conceptuais. A filosofía moral axuda de modo específico a situa-los problemas ético-políticos e ético-xurídicos nun nivel de universalidade e de abstracción racional moito maior có das ciencias sociais que, normalmente, se limitan á mera descrición e explicación de feitos e de conflictos.
En ningún caso e baixo ningún concepto se pode considerar que o ensino da ética é unha alternativa á relixión ou relixións confesionais. A ética debe ser patrimonio común de tódolos alumnos e debe contribuír a formar cidadáns racionais, críticos, abertos e tolerantes; é dicir, que saiban fundamentar racionalmente as súas conviccións morais e aprendan a tolerar a outros de modo positivo; a valorar e respecta-las diferentes posicións relixiosas, morais e políticas, polo que significan de enriquecemento da cultura humana e de aceptación das limitacións da razón humana.
Esta dimensión cívica do ensino da ética é moi importante no contexto do actual sistema educativo e da sociedade na que vivimos.
Polo tanto, a materia de ética para os alumnos de cuarto da ESO reforza o papel da educación moral en todo o ensino secundario e culmina, cun novo nivel de afondamento e crítica racional, a estructura conceptual e actitudinal que foron construíndo os alumnos ó longo de toda a educación obrigatoria.
A reflexión filosófica propia da ética céntrase na dialéctica conceptual de nocións contrapostas como liberdade-determinismo, dereito-deber, ben-mal, valores-disvalores, normatividade-anomia, autonomía-heteronomía, responsabilidade-irresponsabilidade, legalidade-ilegalidade, etc.
A ética, ó presentar en forma de dilemas os problemas morais xerados no mundo actual, trata de desenvolver no alumnado a capacidade crítica e argumentativa, evitando, sempre, calquera forma de adoutrinamento moral, político ou relixioso.
A dimensión filosófica da ética non debe ser entendida como un tratamento historiográfico ou sistemático de tódalas teorías éticas xurdidas ó longo da historia da cultura occidental, senón como formación en valores, fundamental nesta etapa educativa, que culmina así cunha reflexión formal de carácter filosófico que a afianza e xustifica.
A práctica docente para o nivel da ética de cuarto da ESO demanda unha fundamentación filosófica da especificidade moral dos seres humanos e dalgúns conceptos claves da moralidade humana -liberdade, autonomía, valor, norma, dereito, deber, etc. - xunto cunha breve introducción ás principais teorías éticas do mundo occidental. Polo tanto, a ética debe servir para conectar con algúns temas da filosofía de primeiro de bacharelato -a persoa, a acción, a sociedade- iniciando ó alumnado no vocabulario filosófico, nos procedementos argumentativos e nas teorías filosóficas dalgúns autores da filosofía occidental que serán estudiados en niveis posteriores.
Así mesmo, a ética contribúe a configura-la identidade moral dos adolescentes na medida na que permite e estimula a reflexión sobre criterios morais, estilos de vida e toma de decisións en cuestións e opcións fundamentais nesta estapa da súa vida.
Etica
Presentación






























































Obxectivos.

* Coñecer e comprende-los trazos específicos que fundamentan a moralidade humana na súa práctica individual e social.
* Comprende-la xénese dos valores e das normas morais e a súa fundamentación obxectiva e común a tódolos seres humanos presente na Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
* Valorar criticamente o pluralismo cultural e moral das sociedades modernas.
* Identificar e analiza-las principais posicións morais xeradoras de conflictos no mundo actual tales como: materialismo-espiritualismo, liberalismo-socialismo, individualismo-comunitarismo, universalismo-contextualismo.
* Identificar e analiza-los principais proxectos éticos contemporáneos, sobre todo os relacionados cos dereitos humanos.
* Identificar e analiza-las diferentes formas de organización política das sociedades actuais, sobre todo o sistema democrático e o estado social de dereito, valorando criticamente os seus logros, as súas deficiencias e o seu horizonte ético de busca incesante da xustiza.
* Coñecer e valora-las principais achegas teóricas da historia da ética.
* Utiliza-lo diálogo e o debate como medio idóneo para estimula-la capacidade argumentativa.
* Fomenta-lo clima de diálogo e de tolerancia positiva nas actividades da aula.
* Potencia-la adquisición de independencia de criterio e capacidade crítica.
* Potencia-la autoestima do alumnado fundamentada nas súas capacidades e actitudes de comprensión e solidaridade.
Etica
Presentación






























































Contidos.

O contido da materia, distribuído en catro bloques temáticos, abrangue, ante todo, temas de filosofía moral e, en menor medida, de filosofía política e xurídica.
-Comezámo-la materia por este bloque temático dada a súa actualidade e interese motivador para o alumnado. Neste bloque enumeraranse, sen pretender un tratamento exhaustivo, algúns dos problemas morais máis significativos do mundo actual nos que aparecen involucrados factores sociais, políticos, económicos, científico-tecnolóxicos e ecolóxicos.
Unidade 1.
-Problemas derivados de factores sociais, políticos e económicos. (A marxinación social. As discriminacións por razón de sexo, raza, lingua, relixión, etc.).
Unidade 2.
-Problemas derivados de factores científico-tecnolóxicos. (Degradación do ambiente, carreira armamentística, manipulación xenética dos seres humanos, etc.).
Unidade 3.
-Problemas derivados do mundo persoal. (Plans e ideais de vida, responsabilidade, hábitos, valores e virtudes morais, sentido do deber, realización persoal, inserción no mundo do traballo, relacións persoais: amor, amizade, sexualidade, etc.).
-Neste bloque temático analizarase o significado ético, xurídico e político da democracia como espacio que posibilite ós cidadáns a realización pública de proxectos éticos que contemplen e fagan efectivos os dereitos humanos.
Unidade 4.
-Os dereitos humanos.
Unidade 5.
-Democracia e cidadanía.
Unidade 6.
-Algúns proxectos éticos: defensa da paz, Protección do ambiente, solidariedade, voluntariado, etc.
-Neste bloque abordaranse teoricamente os conceptos fundamentais para a análise da vida moral.
Unidade 7.
-Valores e normas morais.
Unidade 8.
-Heteronomía e autonomía.
Unidade 9.
-A autoridade e a súa lexitimación.
-Expoñeranse as grandes liñas teóricas de reflexión ética na historia e na actualidade.
Unidade 10.
-Fundamentación da vida moral.
Unidade 11.
-Éticas dos fins.
Unidade 12.
-Éticas do deber.
-Recoñecemento das sociedades actuais como sociedades plurais, complexas e, en moitos casos, conflictivas, que requiren do diálogo racional e do acordo como instrumento da convivencia.
-Actitude dialogante e disposición aberta ante os valores e normas tanto propios como alleos.
-Valora-lo significado histórico dos dereitos humanos e o seu papel nas sociedades actuais.
-Disposición cara a cooperación e participación nas institucións democráticas e cívicas.
-Valoración da autonomía persoal e dos seus supostos e implicacións.
-Recoñecemento do sentido e do valor das diferentes teorías éticas.
Etica
Presentación






























































Criterios de avaliación.

* Coñecer e expresar con claridade os conceptos básicos da estructura moral dos seres humanos: dignidade persoal, valor, norma, deber e responsabilidade moral.
* Coñecer e expresar con claridade os rasgos propios da moralidade humana.
* Comprender, expresar correctamente e valora-lo significado histórico e plural das normas e valores morais dos individuos e sociedades humanas.
* Coñecer e aprecia-las diferentes pautas culturais e morais que se dan nas sociedades modernas.
* Identificar e analizar de modo fundamentado os principais conflictos morais do mundo actual como expresión de posicións éticas enfrentadas.
* Coñecer e expoñer con claridade as principais achegas teóricas dos proxectos éticos actuais.
* Coñecer e expresar correctamente a noción de democracia e de estado social de dereito.
* Coñecer e expresar adecuadamente os núcleos conceptuais dalgúns sistemas éticos occidentais que contribuíron ó recoñecemento das liberdades e dos dereitos das persoas en todo o mundo.
* Utiliza-lo diálogo e a argumentación como medio adecuado para xustifica-las propias posicións éticas e para rexeita-las contrarias.
* Respecta-las posicións diverxentes dos interlocutores, tanto na aula como no ámbito familiar e social.
* Participar, democrática e cooperativamente, nas actividades programadas tanto na aula como fóra dela.
* Inicia-la construcción dun código de conducta moral, persoal e autónoma, que permita supera-los niveis convencionais do desenvolvemento moral e inicia-lo nivel de universalidade e imparcialidade esixibles na ética.
Etica
Presentación