Filosofía I.

Introducción.

A filosofía é un modo de saber racional peculiar -distinto das ciencias e doutros saberes- que se vai construíndo ó longo da súa historia facendo unha «reflexión radical e crítica» sobre os problemas específicos referidos á totalidade da experiencia humana.
Un curso introductorio debe proporcionarlle ó alumnado unha visión coherente da filosofía e esixe a consideración integral dos seus problemas estructurais, sen limitarse a reflexións illadas sobre cuestións inconexas que poidan privilexiar partes da materia en detrimento doutras igualmente relevantes, porque só deste modo o alumnado pode facerse cargo do que significou e significa a filosofía como saber arredor da totalidade.
Dado que a introducción nesta materia se pode realizar desde calquera consideración sistemática, o profesorado pode adopta-la perspectiva que lle pareza máis oportuna, pero o esencial para que a filosofía cumpra coa súa función integradora, neste período de formación da persoa, é que lle dea ó alumnado unha visión coherente dos problemas filosóficos da experiencia humana e dos seus distintos intentos de solución. Con esta finalidade introducirase o alumnado na linguaxe dos textos filosóficos.
Coa filosofía, como materia do bacharelato, pretendemos que o alumnado sexa capaz de:

* Adquirir unha actitude reflexiva e crítica creándolle o hábito da análise rigorosa das ideas, feitos ou valores.
* Utiliza-la capacidade de pensar de modo coherente, usando a razón como instrumento de análise, diálogo e persuasión.
* Habituarse a pensar de modo autónomo, adoptando unha actitude persoal ante os problemas.
* Integrar nunha visión de conxunto a diversidade de coñecementos, crenzas e valores.
* Valora-la capacidade normativa da filosofía como instrumento de transformación e cambio.

Para cumprir estas funcións, neste curso introductorio, a materia deberá dota-los alumnos dunha estructura conceptual suficiente de carácter filosófico. Débese adoptar unha actitude crítica e reflexiva; dotarémolos de criterios axeitados para esixirlle ás teorías ou feitos -de modo especial ós feitos sociais- un grao suficiente de evidencia ou necesidade; deben aprender a usa-la razón, deberán coñecer, alomenos de modo práctico, as principais regras da lóxica; deberán pensar de modo autónomo, aprendendo filosofía á vez que filosofan, débeselles esixir que traten de fundamenta-lo que digan ou escriban... A filosofía debe servirlles para acadar unha concepción integrada do seu mundo, debe proporcionarlles unha visión global do papel que desempeñan os distintos saberes e crenzas, e tamén da organización sistemática do propio pensar filosófico.
FilosofiaI
Presentación






























































Obxectivos

* Comprende-los principais problemas filosóficos tratados ó longo da historia.
* Empregar con propiedade e rigor os principais termos e conceptos filosóficos.
* Analiza-la coherencia interna dos textos filosóficos, indentificando os problemas propostos e valorando criticamente os supostos filosóficos e as solucións presentadas.
* Adoptar unha actitude crítica ante cuestións teóricas e prácticas, esixindo a súa debida fundamentación.
* Reflexionar sobre as opinións, posicións filosóficas ou crenzas dos outros e aprecialas como un modo de enriquecer, clarexar ou poñer a proba os propios puntos de vista.
* Argumentar de modo racional e coherente os propios puntos de vista, tanto de forma oral como escrita.
* Utiliza-lo diálogo para contrastar e debater diferentes puntos de vista.
* Coñecer e valora-la importancia da acción humana, libre e responsable, desde un punto de vista ético, técnico e artístico.
* Valora-la capacidade normativa e transformadora da razón para construír unha sociedade máis xusta na que exista unha efectiva igualdade de oportunidades.
* Valora-los intentos por construír unha sociedade mundial baseada no respecto polos dereitos humanos individuais e colectivos, na convivencia pacífica e na defensa da natureza.
* Adoptar unha actitude crítica ante todo intento de xustificación das desigualdades sociais e ante toda discriminación, xa sexa por razón de sexo, raza, crenzas ou doutras características individuais e sociais.
FilosofiaI
Presentación






























































Contidos

Trátase dun currículo aberto co único condicionante de que se aborden cuestións fundamentais na historia do pensamento. Polo tanto, parece oportuno, atendendo a unha certa orde lóxica na formulación dos problemas, distribuí-lo contido da materia en seis núcleos temáticos, cada un cun número variable de unidades, que o profesorado deberá desenvolver tendo en conta, na selección dos contidos, ás características específicas do seu alumnado.
O desenvolvemento do programa non ten por que seguir, necesariamente, a orde e a lóxica que aquí se presenta, recomendándose en todo caso buscar unhas liñas conceptuais que determinen un criterio de elección da orde dos núcleos temáticos.
* Preténdese proporcionar unha visión de conxunto do que representou e segue a representar para o mundo occidental o saber filosófico. Deberá falarse, polo tanto, do seu sentido e necesidade como actividade teórica distinta doutras -saberes científicos, artísticos, relixiosos ou populares- e complementaria. De igual modo, é preciso resalta-la estreita vinculación en todo momento da filosofía co seu contexto histórico.

Unidade 1:
-Especificidade do saber filosófico.
-Sentido e necesidade da filosofía.
-A filosofía e a súa historia.

* No núcleo anterior vimos que a filosofía é un peculiar modo de saber; parece oportuno, agora, seguir analizando a problemática que suscita o coñecemento humano, tanto desde o punto de vista psicolóxico como desde unha consideración lóxico-gnoseolóxica.
* Para este efecto, o profesorado deberá presentar ó alumnado os problemas filosóficos que foron xerándose historicamente arredor do coñecemento: o problema da verdade, dos seus posibles criterios e do alcance do coñecemento tanto científico coma filosófico; e deberá lograr que o alumnado comprenda e practique o rigor lóxico, a coherencia do discurso e as regras básicas da argumentación.

Unidade 2:
-O coñecemento científico: orixes, método e límites.

Unidade 3:
-Lóxica formal e informal: falacias, paradoxos e falsos argumentos.

Unidade 4:
-O problema da verdade e dos criterios de verdade.
-Linguaxe e coñecemento filosófico e os seus límites.

* Dedicarase este núcleo ós problemas filosóficos que presenta a realidade, entendida como todo o conxunto de obxectividades non realizadas polo ser humano e que configuran o mundo físico ou natureza. Acceder a esta realidade foi unha aspiración histórica constante da filosofía.
* A variedade histórica das explicacións científicas do mundo físico, así como dos modelos teóricos sobre o universo, pode ser un punto de partida útil para potencia-lo sentido crítico do alumnado, á vez que lle facilitará o descubrimento de teorías diverxentes sobre o espacio, o tempo, a constitución do cosmos e outros conceptos físico-filosóficos.
* A investigación do mundo físico suscitou na filosofía unha serie de grandes problemas ou cuestións clásicas de índole metafísica que o profesorado deberá dar a coñecer ó alumnado, e tratará de conseguir que este analice as principais respostas dadas na historia do pensamento occidental.

Unidade 5:
-O mundo físico e a ciencia. As cosmovisións científicas.

Unidade 6:
-Metafísicas espiritualistas e materialistas.

Unidade 7:
-Os grandes problemas da metafísica occidental.

* A pregunta polo ser humano é unha pregunta fundamental na filosofía; é unha pregunta pola súa especificidade, polas características esenciais da súa humanidade, e nese sentido, é unha pregunta aberta enfrontada, cada vez con maior radicalidade, ós avances científicos e tecnolóxicos.
* Como o ser humano se sitúa nunha realidade intermedia entre o natural e o cultural, pode comezarse este núcleo cunha consideración científica do home -biolóxica, psicolóxica e antropolóxica- para culminar nunha antropoloxía filosófica na que se aborden os temas clásicos: relación mente-corpo, a persoa, a liberdade e os
determinismos, etc.

Unidade 8:
-Filoxénese, antropoxénese e socioxénese.

Unidade 9:
-Natureza e cultura.
-Relativismo e universalismo.

Unidade 10:
-Reflexión filosófica sobre o ser humano: temas e concepcións principais ó longo da historia.

* A relación do ser humano co seu medio non se reduce a unha interpretación teórica, senón que produce formas de acción especificamente humanas. Interesa aquí insistir na articulación profunda e constante entre a dimensión teórica (razón teórica) e práctica (razón práctica) do ser humano, así como na capacidade normativa e innovadora que dimana desta relación.
* Así, neste núcleo, deberanse abordar temas como a transformación que o ser humano fai do mundo material (técnica e tecnoloxía), o seu labor creador de formas simbólicas e artísticas e a súa busca da felicidade individual e colectiva, apoiándose nos contidos de cuarto de E.S.O.

Unidade 11:
-Acción humana transformadora: traballo e tecnoloxía.

Unidade 12:
-A creación artística e a reflexión sobre a obra de arte.

Unidade 13:
-Fundamentación da ética.

-Autonomía e heteronomía moral.
* A acción humana é basicamente acción social. En consecuencia, o eixe deste núcleo será a reflexión sobre a dimensión social do ser humano e as súas constantes tentativas para construír unha sociedade xusta, democrática e solidaria.
* Neste núcleo deberanse tratar cuestións relativas ó dereito e á xustiza: teorías sobre a orixe da sociedade e do Estado, o poder e a súa lexitimación, ..., cuestións claves nunha sociedade democrática; así como as referidas á capacidade humana para transforma-lo mundo: temas de organización social, económica, política e xurídica.

Unidade 14:
-Interacción, cultura e estructura social.

Unidade 15:
-Dereito e xustiza. Orde económica e cambio social.

Unidade 16:
-Principais teorías sobre a orixe da sociedade e do Estado.

Actitudes, valores e normas.
* Valoración da reflexión filosófica como forma de acceso ós problemas fundamentais do ser humano actual.
* Valoración das distintas formas de coñecemento, mantendo unha posición crítica respecto das súas posibilidades e limitacións.
* Interese por comprende-las transformacións sociais, económicas e políticas do mundo actual.
* Toma de consciencia da necesidade de criterios para emitir xuízos e valoracións.
* Aprezo pola coherencia, claridade e rigor na expresión e na argumentación.
* Valoración positiva do dereito e a xustiza democráticas como formas de regulación da convivencia.
* Sensibilidade cara a utilización da razón e do diálogo como formas de regula-la acción humana, individual e colectiva.
* Comprensión do pluralismo cultural, social e político como necesidade para convivir en harmonía.
* Descubrir e supera-los propios prexuízos.
* Tolerancia e respecto para coas distintas cosmovisións e formas ideolóxicas.
FilosofiaI
Presentación






























































Criterios de avaliación

* Recoñecer problemas filosóficos e relacionalos cos principais sistemas filosóficos que os desenvolveron.
* Comentar textos filosóficos significativos, tanto desde o punto de vista comprensivo como crítico, identificando o seu contido temático.
* Realizar traballos monográficos sobre algún problema filosófico, utilizando información procedente de diversas fontes, tanto de forma individual como grupal.
* Argumentar de forma oral e escrita, razoando os propios puntos de vista, sobre cuestións de interese persoal extraídas das tratadas nos distintos núcleos temáticos.
* Adoptar unha actitude razoada e crítica ante as cuestións das que se ocupan as cosmovisións e a metafísica.
* Coñecer e valora-las distintas interpretacións científicas e filosóficas sobre a especificidade do ser humano.
* Coñecer e analiza-la natureza das accións humanas en tanto que libres, responsables, normativas e transformadoras.
* Recoñecer e explica-las características da vida en sociedade, da organización social e das distintas formas de goberno.
* Coñecer e xustifica-la necesidade de que a razón humana se utilice para construír unha sociedade máis xusta, democrática e solidaria.
* Aplica-los coñecementos adquiridos á analise de informacións e ás situacións propias do mundo contemporáneo, en relación ó respecto polos dereitos humanos, á guerra e á paz, ás formas de goberno, ás desigualdades sociais, ás relacións do ser humano co seu medio, ás novas tecnoloxías, etc.
FilosofiaI
Presentación