CHEGOU O MOMENTO.

 

            Chegou o momento de despedirse, de dicir ADEUS, de partir cara a un novo lugar onde terei que enfrontarme ós mesmos problemas cos que me atopei cando por primeira vez pisei  o I.E.S. de Melide; daquela desexaba que este momento chegase.

 

            Os primeiros meses aquí foron horribles, os de 1º de BUP eramos os “peques” e o instituto vello era para min o descoñecido, a casa do terror onde tiña que pasar seis horas tódolos días. Estabamos no curso 97-98, eu tiña trece anos e vía COU como un curso inalcanzable para min.

 

            O ano seguinte foi distinto, en 2º de BUP cambiámonos para este edificio do que agora me despido e xa non eramos os pequenos.

 

            Ese ano descubrín por primeira vez que as boas persoas existen e que hai adultos que nos entenden. Isto tan importante aprendino gracias á miña titora daquel ano: Ana Garrido. Ela amosoume que hai persoas dispostas a dar e facer todo o posible polos demais sen pedir nada a cambio e co único fin de demostrar que non todo nesta vida é tan difícil, e moito menos imposible. Desde aquí un gran bico e GRACIAS a esa muller inesquecible para min.

 

            Continuei dirixíndome a este instituto un ano máis, pois cheguei a 3º de BUP, outro curso moi fértil, pois tamén aprendín algo importante: que as malas persoas tamén existen, que a hipocrisía e a falsidade están de moda e que non todo é bondade neste mundo.

 

            Por unha banda foi un mal ano, no sentido de que caín da miña nube, espertei dese sono que me facía crer que todo e todos eran o que parecían ser ¡Co feliz que era eu vendo todo de cor de rosa! Pero por outra banda foi bo, porque agora sei que tamén era preciso aprender iso; así que un bico non, pero as GRACIAS si que llas dou a tódolos hipócritas que participaron na miña aprendizaxe.

 

            E por fin chegou COU, só que agora xa non era o curso que tanto anhelara anos atrás, agora convertérase no temido ano que me afastaría de aquí se o superaba. Desta vez o que descubrín foi o moito que aprendera no tempo vivido dentro deste edificio.

 

            Moitas veces acordeime da nai de algún que outro profesor, pero incluso deses dáme pena agora terme que despedir.

 

            Ben, isto tamén se acaba... xa non hai máis capítulos da miña película aquí dentro.

 

            Son moitos os bos recordos que levo e tamén moitas as persoas que, para ben ou para mal, conseguiron entrar neste caixón desastre que teño por cabeza e onde permanecerán para sempre.

 

            ¡ADEU A TODOS! A partir de agora unha nova porta se abre ante min, só espero que me conduza a algún lugar no que poida ser tan feliz como o fun aquí.

 

            GRACIAS A TODOS OS QUE CONTRIBUÍRON A CREAR ESA GRAN CANTIDADE DE BOS RECORDOS QUE VEÑEN COMIGO.

 

Asdo: Susana Pedreira.

COU B.