Chegou a fin.


Parece que foi onte, amiguiños, cando entramos pola porta do instituto para converternos nos novatos de primeiro de BUP e aguantar as típicas novatadas que che soen facer: que te tiran á fonte, que te encerran no baño… xa sabedes ¿non?.

                Acordámonos que cando nós chegamos eramos tan baixiños, a maioría, que ningún de nós se atrevía nin sequera a falar cos grandes de COU, e agora, os pequenos pasan por diante túa e rinse de ti na túa mesma cara (dicímolo por experiencia).

                Que agora non hai respecto, señores, que nin os de primeiro da ESO (equivalente a 7° de EXB) nos teñen ningún aos residentes actuais de COU.

                E agora botamos a vista cara atrás e… ¡Buf! Que xa estamos en COU, e este ano é ben diferente a tódolos anteriores porque, agarrádevos, é o último COU da historia!!!!

En realidade xa dende que nós cursamos sétimo de EXB fomos cerrando un plano de estudios para deixar paso á ESO, que nos viña perseguindo.

                Non foi moi problemático xa que o que máis e o que menos foi aprobando 7° e 8°, pero xa chegado 1° de BUP moitos non o puideron resistir e caeron nas mans da ESO. E mira que nos avisaron de que nós non iamos ter máis oportunidades, pero ninguén é perfecto, e un ano suspéndeo calquera, claro que moitos outros non escoitaron e non fixeron nada por aprobar. Pero ben, agora que estamos en COU, Curso de Orientación Universitaria, tamén chamado curso de maduración (que debe ser verdade), poñémonos a pensar.

                Quen nos ía dicir a nós que iamos pechar un sistema educativo como é o que nos levou a COU, e iso non é o peor porque postos a rematar tamén imos fulminar a selectividade, xa que a deste ano din que vai ser a última.

               

               

 

Neste tema non queremos entrar, xa que moito temos protestado pola ditosa selectividade, que razón tiñamos xa que é moi forte xogar o teu futuro en tres días. Claro que vaite saber como resulta o novo método, porque non nos podemos fiar moito, se non examinemos un pouco a ESO.

                 A reforma educativa que nos presentou hai pouco (non tan pouco) o ministerio de educación está a ser un auténtico fracaso, porque ¿a quen se lle pasaría pola cabeza a marabillosa idea de que os alumnos poidan pasar por idade ó curso superior? rascámo-la barriga durante todo o ano e non pasa nada porque total o aprobado xa o temos.

                ¿Sabedes o que se consegue con esto? Pois que o alumno afaise a vagonear, e todos sabemos que os vicios son moi malos. Pásase un ano sen rascar bóla e ao ano seguinte (no curso seguinte) xa non se estudia, ¡porque se perdeu o hábito de estudiar! Total, que os alumnos suspenden e polo tanto empézase a baixar o nivel, e para o ano baixase un pouco máis a así sucesivamente; vamos que o que quería que os rapaces estudiasen máis anos conseguiu totalmente o contrario do que pretendía, que cada día se estudie menos.


                Ata aquí todo perfecto ¿non? É o que nós, os rapaces, queremos, pero ¿que pasa ao chegar a 4° da ESO?, que como non aprobes á primeira (se estás pasado de idade) acabouse todo, e cando dicimos todo é todo, porque péchanse tódalas  portas que nin a grado medio de FP podes ir, que nin un negocio ao teu nome podes ter, total que quedas para a sociedade como un auténtico ANALFABETO.

 

 


Mayte e Sonia - COU