Fin de semana

 

            Para min a semana é diversión, xogos e ledicia; pero cando chega a fin de semana e é de noite... Meus pais marchan tomar uns viños e eu quedo só na casa.

            Cando pasa isto, subo as escaleiras, séntome na cama e prendo a tele. Intento facer barullo para non escoitar “ruídos”; pero teño a horrible sensación de que non estou só e de que alguén está subindo as escaleiras... ¡para matarme! Miro para os lados, respiro fondo, cerro e abro os ollos..., pero nada me quita o medo. Trago saliva, érgome da cama e póñome a observar os cadros da parede; pero tamén neles percibo un sorriso malvado.

            Sen querer, vai xurdindo ó meu redor un mundo horrible de sombras e espíritos maléficos, que fan vibrar as ventás e veñen acompañados de lóstregos e golpes de vento.

            Tamén penso en todo tipo de desgracias e mortes que, por casualidade ou por enfastiar, botan nese momento pola televisión. Apago a tele; os ruídos no meu interior non cesan.

            Por fin, despois de séculos, escoito cunha alegría inmensa o coche dos meus pais diante da casa... e aínda que vos pareza mentira o que vos digo... ¡alégrome de que pasara a fin de semana!

 

                                                                                                Manuel Cordido e Francisco Penas.

                                                                                                ESO 2º A