GRECIA 2001, UNHA
ODISEA NO EXEO
Caderno de navegantes
Que será, será o que terá Grecia
para que deixemos a marcha de Melide e vaiamos para ela. Citas textuais das
máis correntes, que nos dixeron cando decidimos emprender esta viaxe foron: “¿E
que ides facer alí tan lonxe?” ou outra “¡Ai!, ¿e non vos iredes perder?”.
En fin, que alí fomos. Non sabedes o
que é ter un sono “im-presionante” (en dúas palabras) e non poder durmir ben
porque os asentos non son moi cómodos, ou ben porque o teu compañeiro ou compañeira
estaba na mesma ou peor condición ca ti e cumpría á perfección o que se dicía
en “Gran Hermano”: “¿Quen me pon a perna enriba para que non levante cabeza?
¿eh? hum...”
Volvendo á seriedade, se é que ata o
de agora a houbo, podemos resumir o traxecto de Galicia a Atenas como unha
viaxe longa e cansa, pero ó mesmo tempo chea de ilusión, xa que estabamos
desexosas de coñecer novos sitios, nova xente...
¿Que cal foi a primeira impresión de
Atenas?, pois a dunha cidade moi grande e con moito trafego, agradándonos moito
o tempo tan bo que facía, algo que para nós era case descoñecido.
Pois ben, na nosa estancia en Atenas
fomos visitar varios lugares de interese. O primeiro día desprazámonos á
Argólida e paramos para ver a canle de Corinto, que permite unir o Golfo de
Corinto co Golfo Sarónico, o cal tiña unha vista alucinante, ao igual que a
vila de Nauplio. Aínda que non fomos ver ningunha representación teatral nin
facer ningunha ofrenda ó deus Asclepio, achegámonos ó teatro e o seu santuario,
situados na cidade de Epidauro.
Xa na cidade, ¡como non!, fomos á famosa Acrópole, que entre outros lugares
caracteriza á cidade na súa parte alta. Foi o principal centro de atención para
todos, pois este lugar é o primeiro no que se pensa cando nos falan de Atenas;
¡¡o famoso Partenón!!...¿haberá alguén neste mundo que non oíra falar deste
famoso monumento? Cremos que non. Ademais, non podemos esquecer a Ágora, centro
económico e político da vida ateniense, e o museo, onde puidemos ver obxectos
da vida cotiá procedentes dela.
Chega a quenda de contar unha das
cousas máis divertidas, aínda que tamén das máis cansadas e, nalgúns casos,
mareantes. Estamos a falar das dúas noites que pasamos a bordo do “King Minos”,
un gran barco duns 150 m de longo por 90 de ancho. ¡Que gozada! No vos
imaxinades a gran cafetería, salón, comedor, sala de xogos, que este posuía,
así como unha gran piscina que se atopaba na cuberta; o peor era que...¡non
tiña auga!. Entre tantos luxos e comodidades chegamos ó porto de Iraklio,
situado en Creta, a máis grande illa de Grecia.
Nesta illa topámonos co palacio de
Cnossós, onde está o labirinto no que o rei Minos encerrara o Minotauro. Tamén
visitamos a cidade de Iraklio, así como o seu museo arqueolóxico. Por certo, se
queredes descifrar o lineal A, xa sabedes onde atopalo...ata pode vos fagamos
famosos, pero non garantimos que vos alcance a riqueza.
Logo de coñecer como era a marcha de
Iraklio, o xoves fomos visitar o mosteiro de Preveli, no cal tivemos que pasar
totalmente tapadas a pesares das altas temperaturas. E xa por último, para
quedar con bo sabor de boca, baixamos a unha praia, na que desembocaba un río
cheo de palmeiras nas súas beiras e alí descansamos da longa noite de esmorga.
De volta a Atenas achegámonos ata o
Museo Nacional e ó Parlamento Grego a ver o cambio de garda.
Deixamos en Atenas unha gran pena e
sono para volver á nosa terra. Hai que dicilo todo, non só fomos para coñecer
unha cultura, senón que tamén coñecemos xente nova, nova marcha...en fin, foi
xenial.
Patricia
Vázquez, Betania, Verónica,
Laura,
Patricia Vieiros e Malena.