ÍO, UNHA VACA TOLA

NA MITOLOXÍA GREGA

 

Pois si, non é coña, ata nisto das vacas tolas xa tiñan experiencia os gregos. O departamento de grego non cansa de repetilo, pero hai que renderse á evidencia: despois de Grecia non se inventou practicamente nada. Imos aproveitar agora, que xa non se fala do tema, para sacar á luz este antecedente clarísimo dun dos grandes problemas económicos do noso país.

Ío era unha princesa de Argos, cidade no nordeste do Peloponeso. Era sacerdotisa da deusa Hera, que naquela cidade tiña bastante poderío. Ademais de princesa e sacerdotisa, a moza era moi guapa, un auténtico bollicao, polo que xa podemos imaxinar todo o que ligaba. Tanto foi así que dela namorouse nada menos que Zeus, o rei dos deuses, a quen ningunha (ou ningún) podía resistírselle non tanto polos seus encantos como polo seu poder. O acoso sexual tamén estaba inventado nesta época.

Zeus para ligar solía usar a técnica de Mortadelo, ou sexa, disfrazábase de animais ou de cousas raras e non sabemos moi ben si o facía para non asustar ás/os súas amantes co seu aspecto real, ou para enganar mellor á súa esposa Hera, ou simplemente porque lle molaban este tipo de fantasías sexuais. Fose como fose, os deuses podían permitirse todo ou case todo. Para seducir a Ío transformouse nunha espesa néboa e uniuse a ela ás beiras do lago Lerna, un romántico lugar ó que, despois de que Heracles (ou Hércules) o librara da monstruosa Hidra que habitaba nel, acudían as parelliñas a darse o lote.

A pesar de todo o seu poderío, Zeus non podía librarse dos celos da súa muller Hera, e para evitalos transformou a Ío nunha vaca branquísima. Aínda así Hera, que sospeitaba algo, esixiulle ó seu home que lla regalase e púxoa baixo a vixilancia de Argos, o dos Cen Ollos, a ver si así a tiña controlada. Zeus mandou ó deus Hermes que o matase, cousa nada fácil porque tiña moita forza e con tantos ollos irlle polas costas non era unha boa idea. Hermes durmiuno e matouno e así Zeus, transformado en touro, podía seguir a súa historia de amor con Ío.

Hera acabou por mosquearse e para vingarse enviou un tabán que a picou e púxoa tola. Foi tanta a tolemia que Ío botou a correr por toda Grecia: empezou polo golfo Xónico (que dela toma o seu nome, Ionikós), seguiu a toda pastilla cara o norte, cara ó que hoxe en día é Istambul, atravesou o mar polo estreito do Bósforo, que tamén dela recibiu o esta denominación xa que en grego significa “Paso da Vaca”, continuou correndo por Asia ata que pasou a Exipto. Neste país deu a luz un fillo de Zeus e por fin recuperou a súa forma primitiva polo que, con tanto cambio espectacular os exipcios tratárona coma unha deusa, adorándoa baixo o nome de Isis.

Pois o final non tivo un mal curriculum Ío: de vaca tola pasou a deusa e ademais quedou inmortalizada no firmamento; pois Zeus para compensarlle todo o que lle fixera pasar converteuna en constelación, que algúns confunden con Tauro. Cando Galileo descubriu algúns satélites de Xúpiter (planeta que ten o nome romano de Zeus) decidiu nomealos cos nomes das súas/seus amantes, polo que un deles é Ío.

 

Departamento de Grego