CONMEMORACIÓNS  LETRAS GALEGAS 2001.

 

            O pasado mércores, 16 de maio, tivo lugar no salón de actos da Casa da Cultura do Concello de Melide, unha divertida conferencia impartida por Xosé Lois, máis coñecido por "Carrabouxo". A presentación foi realizada por unha alumna do centro, "Pikika".

            Na Terra de Melide non era moi coñecido este extraordinario debuxante e humorista, pero dicimos ben, pois a partires de agora xa ten un grupo de entusiastas seguidores e seguidoras. Tamén aquí se imporá o costume de consultar os xornais onde colabora Xosé Lois ("La Región" e "Atlántico Diario") aínda que só sexa para comprobar cal é a reflexión, sempre atinada, do "Carrabouxo". Por se aínda non vos esterastes, "Carrabouxo" é un homiño galego que con certa retranca fainos rir e pensar sobre os problemas que enchen Galicia e que atañen ao noso idioma.

            A conferencia foi unha gargallada constante que nos fixo pasar un bo rato e que nos axudou a pensar e a decatarnos que non sempre, para falar de cousas serias, fai falla aburrirse, senón que algo tan serio como o caso do galego e de Galicia pode coñecerse entre chistes e humor.

            Xosé Lois fixo moitas referencias neste faladoiro, por exemplo ao sempre presente Castelao; tamén explicou as posibles definicións de "humor" e, a partires de aquí, dos tipos de humor tipicamente galegos, como a retranca ou a sorna. A todo isto engadiulle un toque de amenidade, de chistes, contos e algo do que nos gusta a todos e fixo que se convertese na conferencia perfecta, na que todos soñamos cando temos que asistir a algunha desas que te dormes e non podes escapar.

            Para os que non vos animastes a vir, aínda tedes a posibilidade de coñecer a "Carrabouxo" e, a través del, a Xosé Lois, xa que ten publicados varios libros dos cales poderedes atopar algúns na biblioteca de centro.

 

            Para conmemorar o Día das Letras Galegas, leváronse a cabo outros dous actos máis no instituto de Melide o día 18 de Maio, ademais da conferencia de "Carrabouxo".

            O primeiro dos actos consistiu en plantar un teixo no patio do instituto; esta árbore é unha especie en perigo de extinción e agora medra no noso centro como esperamos medre o uso do galego.

            Despois disto, levouse a cabo o Corremelide 2001, unha carreira que percorreu as rúas da zona vella de Melide, e que, a pesar de ser o primeiro ano que se celebra, tivo un gran éxito e unha gran afluencia, aínda que agardemos que se supere o ano que ven.    

           

            O día 17, día en que se conmemoran as nosas letras, celebrouse en Santiago unha manifestación organizada pola Plataforma polo Ensino en Galego para reivindicar o uso do galego nas aulas. para asistir a esta manifestación, o Equipo de Normalización Lingüística do I.E.S. de Melide facilitou un bus para que o desprazamento fose máis doado para todos, sen embargo só asistiron 11 alumnos e algúns profesores, aínda que a maioría de estos se desprazaron pola súa conta.