O monarca mete a pata

EL-REI  AFIRMA QUE O ESPAÑOL NUNCA FOI IMPOSTO

 

Non, desta volta non foi nunha estación de esquí dos Pirineos. Foi durante a entrega do Premio Cervantes –polémico este ano, por certo- a Francisco Umbral, cando o rei meteu a pata. E sucedeu o pasado 23 de abril, no Día do Libro, o día no que o Premio é entregado ano tras ano. Na quenda de discursos, ademais das palabras bonitas e laudatorias de rigor, a El-Rei alguén lle coou no seu discurso que o español nunca foi imposto, que –antes ó contrario- serviu historicamente de lugar de encontro.

 

Eu non sei se estas palabras do rei teñen algo que ver co que vén sendo común nos últimos tempos por parte dos medios de comunicación oficiais e por parte dos dous partidos maioritarios do estado: o de intentar borrar do mapa calquera outro pensamento, calquera outra idea que non sexa aquilo de una grande y libre, que dicía Serrat retomando o slogan franquista. Non sei tampouco se son palabras do propio rei, de quen lle escribe os discursos –neste caso preguntaríame se o rei revisa os discursos antes de lelos- ou se é unha afirmación asumida por ambos.

 

O que si sei é que, desde logo, o rei demostra moi pouca intelixencia se pretende insultarnos negando evidencias históricas nas que existe acordo unánime por parte dos investigadores. Deixando á marxe o caso galego, que daría moito para falar no tema que nos ocupa, non sei qué foi das moreas e moreas das linguas indíxenas de América –só unhas poucas se seguen falando hoxe-. Pode ser que o español non fose culpable. Pode ser que a lingua de Cervantes –a data do 23 de abril está dedicada a el- sirva hoxe de punto de encontro, ¿de quen? Non creo que eses indios do altiplano que carecen de todo se sintan moi identificados con ese punto de encontro, pero bueno.

 

O español non foi imposto. Non, seguro que non. Unha das referencias da olería galega chamouse Niño de la GuíaNido de Águila sería a traducción hipotética de Niñodaguia- porque ós galegos e ás galegas xa nos aburría utilizar o galego, e claro… Nalgún Seminario, aquel alumno que era castigado porque fora descuberto falando en galego –e que non vería levantado o castigo ata que descubrise a outro colega facendo o mesmo-, simplemente estaba de brincadeira, e era un pelín masoca. Aquel neno que ó longo de toda a escolaridade nunca dixo nin media palabra na clase –coas repercusións que este feito tivo nas súas notas- porque na escola só se falaba castelán e el non se sentía capaz de usalo, á fin e ó cabo só quería levar uns cinquiños –se chegaba a eles, senón tanto lle daba-. O feito de que só exista un xornal e unha emisora de radio e unha de televisión en galego é froito de que os galegos hai moito que pasamos –nós mesmos, sen que ninguén nos forzase- do noso idioma.

 

Os reis non se equivocan. Nin por asomo, por iso son reis. E por iso eu son monárquica, e mesmo centralista. Deixádeme dicilo, non vaia ser que acabe sendo acusada de terrorista, de antidemócrata, de republicana –por favor, ¡republicana…!-. Hai que pensar como hai que pensar. Non queda outra.

 

Srta. Independen---te.