O que facemos no IES Melide

 

O que facemos no IES Melide interesa en diferentes puntos do Estado

PROFESORES/AS DE TODA A PROVINCIA DE SEGOVIA COÑECEN CÓMO FUNCIONA FALAMELIDE, A EMISORA DE RADIO DO IES MELIDE

 

O día 3 de maio estiveron no Centro de Profesorado de Segovia Susana Losada e Paco Veiga en representación do noso insti. A súa presencia alí veu dada porque desde aquel Centro de Profesorado chamou a atención que aquí tivesemos unha emisora de radio e que emitisemos realmente. Así é que a Vicedirectora e un dos Xefes de Estudio tiveron que explicar alí, durante tres horas e diante dun grupo importante de profesores/as de toda a provincia de Segovia, cómo funciona o noso centro e qué sentido ten que teñamos unha emisora de radio, o Intres, o Dálle á Lingua, qué é o que fai o noso Equipo de Normalización, etc, etc.

A chamada desde Segovia é unha das que se produciu desde que a revista especializada en educación Cuadernos de Pedagogía publicou un artigo sobre FALAMELIDE, a nosa sen-par emisora de radio –o artigo podes lelo nos taboleiros da planta baixa, que hai que mirar para eles de vez en cando-. Por FALAMELIDE interesáronse tamén desde A Rioxa, desde diferentes puntos de Castela, e mesmo desde Vigo –o Faro de Vigo dedicounos dúas páxinas enteiras, e tamén podes lelas nos taboleiros-.

Non é a primeira vez que o insti é chamado por aí adiante para explicar qué se fai aquí dentro, xa que algún dos nosos profes –e tamén alumnos/as- estiveron en Ferrol, en Santiago e incluso en Granada en diferentes tipos de actos nos últimos anos.

En Segovia os nosos dous representantes foron moi ben tratados e tiveron que responder a unha manchea de preguntas sobre a Terra de Melide, sobre o IES Melide e, claro, sobre FALAMELIDE, que diso se trataba.