O RECUNCHO DOS XOGOS
POPULARES
Unha sección de Cosme
da Órrea
Velaí, un Intres máis, a
nosa pequena contribución á recuperación dos xogos populares e tradicionais, os
xogos que fomos quen, ó longo da nosa historia como pobo, de irmos creando e que,
polo tanto, forman parte da nosa identidade colectiva.
Unha apanda
¿QUEN TE MONTA, BICHO PAVO?
É unha das modalidades máis
sosegadas das apandas (xogos onde un xogador/a ten que superar o obstáculo que
supón outro xogador/a anicado para que o primeiro salte por riba del). Unha vez
elixidas sortes, un xogador/a apanda, facendo a función de cego, e outro fai a
función de director (a dama ou madre), sendo este último case sempre un
dos de maior idade. A dama senta nunha pedra ou mesmo se arrima simplemente a
un valado ou a unha parede. O xogador que apanda (o cego) sitúa a súa cabeza no colo da dama, ou esta agárralla,
simplemente e segundo a posición da dama, pero en calquera circunstancia
procurando que non vexa nada.
Os outros xogadores/as están dispostos
polos arredores. A dama, entón, faille un aceno a un destes, que saltará encima
do cego, quedando nesta posición mentres a dama fala:
- ¿Quen te monta, bicho pavo?
O cego contesta cun nome. Poden,
agora, suceder dúas cousas:
a) Que acertase co xogador/a que
tiña encima. Neste caso o cego queda libre e será o rapaz/a que saltara o que
pasará a ocupar a súa posición.
b) Que non acertase. Entón, o
rapaz/a nomeado, e suxeito pasivo no xogo nese momento, pasa a apandar tamén,
apoiando a súa cabeza nas nádegas do cego. A acción repítese a continuación,
chamando a dama a un novo xogador/a, que salta encima do segundo cego, pero
preguntándolle a cuestión ó cego orixinal. O resultado deste proceso é que, ás
veces, prodúcese unha ringleira enorme de xogadores que apandan, mentres que
cada vez son menos os participantes ceibos.
Debe repararse en que ó cego se
lle esixe un perfecto coñecemento da fisionomía dos participantes que poden
saltar enriba del.

Un xogo
de pelota
OS PÉS QUEDOS
Un exemplo do catálogo de xogos
que se realizan cunha pelota. Decídese quén apanda por medio dun xogo de
sortes. O grupo reúnese no centro de espacio do xogo. Tírase o balón ó aire,
momento no que todos os xogadores/as aproveitan para liscar a toda velocidade,
agás o que apanda, que debe recoller a pelota. Cando a ten suxeita, berra:
- ¡Pés quedos!
Neste instante, todos paran,
incluído o propio apandante. Este, calculando o adversario que ten máis preto,
lanzaralle a pelota, tratando de darlle e de que este último non a suxeite. Se
o logra, será relevado. En caso contrario, repetirase a partida co mesmo
xogador apandando.
Algunhas variantes permítenlle a
quen apanda dar tres alancadas, tratando de se achegar á “víctima” escollida.
Á parte de Galicia (onde tamén se
chama Pinabó), o xogo foi/é practicado en lugares tan dispares como Andalucía, Aragón (onde se chama Sobre), Portugal
(Stop), Castela-León (Pies
quietos), Cataluña (Peus quiets) ou País Vasco (Los hoyos).
|
|
Un xogo
tranquilo
OS PELOUROS
Trátase dun xogo fundamentalmente
(na cultura tradicional, un exclusivismo que non ten sentido hoxe) de nenas
que, dispostas en corro, e de xeonllos, van participando, na orde
preestablecida ata que cada unha delas perde, cedéndolle entón a vez á seguinte.
A variante que presentamos utiliza cinco seixos de río redondeados que se
manexan da seguinte maneira:
1. Lánzanse os cinco ó aire, e
téntanse recoller co dorso da man. Un polo menos debe quedar no dorso. Este
pasará a ser a coutadeira ou paleadeira,
segundo as versións, é dicir, a pedra mestra.
2. Lánzase a coutadeira ó aire e,
antes de volvela a recoller, cóllese coa man un dos seixos do chan. Repítese o
proceso ata recoller os catro.
3. Elíxese outra vez a coutadeira
co mesmo proceder. Repítese a operación da fase 2, pero agora collendo as
pedras do chan de dúas en dúas.
4. Ídem., recollendo tres, e
unha.
5. Ídem, recollendo as catro.
6. Elíxese coutadeira. Colócanse
os dedos índice e polgar formando unha ponte no chan. Lánzase a coutadeira ó
aire e pásase un dos seixos do chan por debaixo da ponte. Repítese o proceso
con todos.
Na variante que describimos, coas
seis fases completadas, gáñase o xogo. Un mínimo fallo en calquera dos procesos
obriga a ceder a vez ó seguinte xogador/a, agás na fase 6, na que non é preciso
pasar dunha soa vez o seixo por debaixo da ponte, podendo lanzarse a coutadeira
ó aire tantas veces como se queira.
Os pelouros constitúen un xogo
universal que recibe moi diferentes nomes. O máis coñecido deles tal vez sexa o
de tabas que, orixinariamente eran de pequenos ósos (hoxe en día son
doutros materiais que nos ofrece a industria. En Galicia reciben tamén o nome
de Peto-petiño, xogo da pedriña, chinas, peloura, pedras...
