¡Quérote!
Levaba anos detrás de Xoán, pero nunca, dende que empezara a sentir algo por el, me atrevera a dicirlle nada, nin sequera ¡ola!
El era un dos rapaces máis populares da clase, incluso do instituto, e eu só era coñecida polas miñas escasas amigas.
¿Por que había de fixarse en min? Unha rapaza do máis normaliña, ou máis ben tirando a fea. El só tiña ollos para Lucía, a envexa de todas as nenas: alta, delgada, loura, longa cabeleira.... Pero aínda así, algo había nela que non me gustaba; desagradábame a maneira que tiña de mirarme, sempre por riba do ombreiro, e a forma en que me dicía: ¡chao, Marta!; para logo facer corro coas súas amigas e rirse de min.
Día tras día vivía nun verdadeiro inferno vendo a Lucía facerlle as beiras a Xoán e que, por riba, el lle seguise o xogo.
Un día armeime de valor, ¡de moito valor!, e díxenlle a Xoán todo o que dende había tempo sentía por el. Quedou un pouco abraiado, quizais nunca esperase iso de min, e acto seguido escachou a rir. Saín correndo de alí; nunca antes sentira tanta vergonza. Tentei conter as bágoas pero foi inevitable, a miña ira podía con todo.
Cando cheguei á casa, subín ó meu cuarto e alí seguín chorando. As preguntas e as dúbidas invadíanme : ¿fixera ben en dicirlle o que sentía?, ¿era Xoán tan boa persoa como aparentaba?, ¿sería coma os demais?... Tentei esquecelo todo, non pagaba a pena poñerse así; pero volvía a pensar no día seguinte, cando vira a Xoán e a Lucía... ¡sentiría unha dor inmensa!..., pero só por dentro, ¡non deixaría que eles seguisen rindo á miña conta!
Ó día seguinte, antes de saír pola porta, prometinme a min mesma que non choraría nin amosaría rabia.
Entrei no instituto coma de costume; pero aquel día todas as miradas dirixíanse a min. Ó chegar á clase sentín as miradas e as risas dos meus compañeiros. Camiñei ata o meu pupitre coa mirada fixa nos meus pés; senteime; ó erguer a cabeza puiden ler a mensaxe escrita no encerado, cunhas letras enormes: “Marta, esquece xa a Xoán. Non tes que facer”.
Aquela frase chegoume ó fondo do corazón, máis ó comprender que Xoán e Lucía comezaran a saír. Pensei que o mundo se me viña enriba; erguinme da cadeira e saín correndo en dirección ós baños... precisaba chorar. Sentín que alguén abría a porta : ¡Marta! – escoitei - ¿Estás ben? Era Alberte, compañeiro e fiel amigo de Xoán.
- ¡Vaite!, preciso estar soa.
- Só quería saber se estabas ben; o que che fixeron hoxe non é de bo gusto.
- Si, gracias, estou ben. Axiña o esquecerei.
- Veña, ¡sae de aí, muller! ¡Non che vou facer nada!
Abrín a porta e saín. Aínda non acababa de crer que Alberte se preocupase por min; nunca antes o fixera.
- ¿Non estarás aquí para te rir de min?
- ¡Non, muller! Son amigo de Xoán, pero non estou de acordo co que che fixo.
- A verdade, xa non sei por qué dixen o que dixen, ¡se estivese calada!... Pero o que non esperaba era que Xoán lle contase a medio instituto que estaba namorada del.
- Xa sabes como é Xoán. ¿Sabías que el e Lu...?
- Si – dixen eu interrompéndoo – pero xa non me importa; vouno esquecer todo, incluso a Xoán.
- Paréceme xenial; el saberá o que perde. ¿Que mellor forma de esquecelo que pasar unha tarde cun amigo no cine? ¿Qué che parece?
Nunca tivera unha cita, e o que menos esperaba era que a miña primeira vez fose con Alberte.
Aceptei encantada; quedamos en vernos ás seis diante do cine. Isto tiña toda a pinta de ser o inicio dunha boa amizade.
Estaba algo inqueda, pero axiña pasou a tarde. Deron as cinco e media; collín o meu abrigo, algo de cartos e saín.
Cheguei puntual e alí estaba xa Alberte agardando por min. Puxémonos de acordo na película e entramos. Tentei aparentar tranquilidade, sen embargo o medo invadíame; temía meter o zoco en calquera momento, palabra... Comezara a sentir algo por Alberte... ¡era tan bo comigo! Tal vez estivese precipitándome; seguramente o que el sentía non era máis que amizade, e despois pasaríame o mesmo que con Xoán.
A tarde foi discorrendo normaliña; pero cada vez Alberte gustábame máis.
Eran as nove; fixérase tarde... ¡os minutos parecían segundos! Decidín marchar, así que despedinme de Alberte e acordamos vernos ó día seguinte. A miña mente berraba: ¡bícame!, pero a vergonza podía con todo. A miña mirada pousouse na de Alberte; achegouse a min delicadamente e bicoume.
A ledicia inundoume de pés a cabeza. Agora si... despedímonos.
Desexaba que chegara o día seguinte para aclarar todo con Alberte.
Pola mañá saín antes que de costume. Levaba preparado todo o que lle ía dicir. Entrei na clase; os meus ollos dirixíronse automaticamente a Alberte. Chameino, e ó verme cara a cara con el borróuseme todo o que tiña preparado. Notei que todos nos miraban; incluso Xoán... Pero xa non me importaba. Rematei de falar e volvín sentir os beizos de Xoán sobre os meus. Todos quedaron algo perplexos... ¡eu a que máis! Os ollos de Xoán transmitían odio; mirounos cheo de ira e marchou.
Parecía que todo estaba claro. Os dous estabamos de acordo en que entre nós había algo... Algo que era mellor vivir e non deixar escapar.
Natalia López.
ESO 2º A