SENTIMENTOS COMA ONDAS

 

As ondas baten forte contra o meu corazón, e arrastran milleiros de sentimentos que me asustan e me afogan.

Empápanme de recordos salgados que xa non poderei volver saborear.

Ás veces, baixa a marea, tamén dentro de min, e é entón cando sinto acougo, cando sinto que esas ondas me axudan a organizar un pouco os meus pensamentos, pero a lúa cambia, e a marea sobe enturbando de novo todo aquelo que desfila pola miña cabeza.

Os meus ollos, só poden ver auga e máis auga, e, sen embargo, seguen a buscar unha táboa de esperanza para esta pobre náufraga que non ten ningún paradoiro onde se arredar.

As sombras do pasado escurecen o futuro. Todas aquelas palabras que me axudaron nun momento dado nesta travesía polo mar, carecen agora de significado.

Atérrame dicilo, pero o certo é que a vida xa se apoderou de min, e vexo o meu futuro tan escuro coma estas xélidas e frías augas mariñas que se cravan no meu corpo coma estacas de xeo, arremetendo contra min cun ímpeto e cunha furia esaxerados de máis.

¿Que debería dicir se ata os sorrisos me doen? ¿Que facer se a cada paso que dou sinto as pedriñas cravarse nos meus pés?

A miña vida é tan inconstante coma o volume do meu mar.

Dime ti: ¿Que debo facer? ¿Déixome arrastrar afastada polas ondas, deixo que o destino que todos temos infelizmente marcado, dirixa os remos desta navegación?

¿Intentar dar cada brazada dirixida coa cabeza ou co corazón? Tópica pregunta que todos nos facemos na nosa viaxe, inútil tamén, pois, son os sentidos e o corazón os que evitan que afoguemos.

Mantéñome a flote, o meu corpo resígnase a perecer e rematar formando parte do fondo deste lúgubre mar que tanto me aterra, e...¿sabes? todo é gracias a un faro, un faro moi afastado de min, pero que podo divisar, que podo sentir se pecho os ollos...Ese faro, es ti, a última luz da miña esperanza. O único motivo polo que eu non afogo, é porque, a miúdo...penso en ti.

Alba